Kemin mostrou a enxeñaría de precisión das súas fábricas durante as súas xornadas sobre nutrición de rumiantes

Vaca Pinta 35 contén unha reportaxe sobre a última edición das xornadas técnicas de Kemin, celebrada en Bolonia (Italia) os días 29 e 30 de novembro. Nesta ocasión, a compañía puxo o foco na formulación en aminoácidos, a saúde do animal e a sustentabilidade e ofreceu, ademais, un tour guiado polo complexo do que dispón a multinacional no municipio de Cavriago.

"Un dos nosos obxectivos principais é manter actualizados aos nosos clientes respecto dos últimos avances científicos en nutrición animal e, especialmente, en todo o relacionado cos nosos produtos", sinalou Javier Mateos, business manager ruminant de Kemin para Europa, Oriente Medio, Rusia e o norte de África. Así, tras a presentación na súa anterior reunión, celebrada en Atenas a finais de 2019, de dous novos produtos, KESSENT™ e CholiGEM™, a compañía considerou de especial importancia deixar que os seus clientes tivesen a oportunidade de ver as novas fábricas de encapsulados que están a pór en marcha en Cavriago, preto de Bolonia.