A multinacional suíza anunciou un investimento de case 1,9 millóns de euros na construción de dúas novas liñas de enchido na súa fábrica de leite condensado de Pontecesures (Pontevedra), as cales “disporán de tecnoloxía máis moderna, serán máis precisas e cunha maior velocidade no enchido”, sinalan dende a compañía.
A construción da liña destinada aos grandes formatos para clientes industriais xa comezou e permitirá o enchido de envases de diferentes tamaños que irán dende o formato de 1.000 litros, que na actualidade se enche de forma manual, aos formatos de dous e medio, cinco e 25 litros, que se realizan de forma semiautomática.
Con todo, a maior parte do investimento, máis de 1,5 millóns de euros, irá destinado á construción doutra nova liña de enchido para os envases de 1 quilos e 740 gramos, coa que se unificará o enchido destes dous formatos, que ata o de agora se realizaban en liñas separadas.
Está previsto que a liña para clientes industriais entre en funcionamento en novembro de 2019, mentres que a de pequenos formatos comezará a traballar en xullo de 2020.