Lely Vector é o único robot de alimentación do mercado. Este produto da firma holandesa (Lely) fai moito máis que darlles de comer ás vacas; é sinónimo de alimentación intelixente e de precisión. A través dunha serie de entregas, falaremos sobre esta máquina deseñada para mellorar tanto a vida dos gandeiros coma a das súas produtoras, porque unha alimentación de calidade se traduce en máis litros de leite e en animais máis sans. Máis en Vaca Pinta 47.
A produción eficiente de leite de alta calidade require unha alimentación constante, a tempo e óptima. O sistema automático de alimentación Lely Vector é un concepto único que ofrece todo isto e moito máis. Proporciona alimento fresco as 24 horas do día de forma precisa pero flexible e cunha necesidade mínima de man de obra. Este robot de alimentación permite obter resultados óptimos mentres mantén o máximo respecto cara ás vacas.
Co sistema Vector, o gandeiro só ten que prestarlle atención á alimentación das vacas unha vez cada tres días, que será cando teña que encher a cociña. Ademais, pode deseñar a súa estratexia de maneira completamente flexible, polo que este robot de alimentación é a solución perfecta para calquera granxa, xa que tamén achega flexibilidade para crecer con ela.
TRÁFICO LIBRE
En Lely cremos firmemente que as vacas deben ter un acceso libre á alimentación e ao muxido. Para que visiten as zonas de alimentación e de muxido de forma regular, é importante que poidan descansar o suficiente e aliviar a presión dos seus pezuños e patas. Se se limitan unha ou varias destas necesidades básicas, ao final modificarase o comportamento do animal e, por conseguinte, a súa produción de leite.
O acceso ilimitado das vacas ás instalacións para satisfacer os seus requirimentos esenciais é unha parte vital dunha explotación sostible. O tráfico libre é importante para todas estas cuestións, polo que é fundamental tanto para a alimentación coma para o muxido, xa que afecta ao comportamento do animal, pero tamén á súa produción láctea. Privar a vaca de facer algo e limitar a súa actividade diaria supón coartala de poder ser máis eficiente e produtiva.
A alimentación que se lles proporciona afecta non só á súa produción de leite, senón tamén á súa saúde xeral, á súa situación reprodutora e á prevención de problemas metabólicos. Por iso, unha correcta alimentación é absolutamente esencial. O uso do sistema Lely Vector pode mellorar a xestión da alimentación e aumentar a calidade de vida e o número de lactacións medias do rabaño, ademais de reducir os custos veterinarios dentro da granxa.
XESTIÓN DA ALIMENTACIÓN
A xestión óptima da alimentación das vacas combina varios factores clave: dispoñibilidade, sabor, accesibilidade, ración calculada, ración mesturada e fibra. Co Lely Vector, estes aspectos serán fáciles de optimizar para os gandeiros, que conseguirán unha estratexia de alimentación efectiva que mellorará a saúde da vaca e tamén a súa produción.
O sistema automático de alimentación Lely Vector saíu ao mercado no ano 2012 para proporcionarlles os gandeiros unha ferramenta nova e revolucionaria para unha alimentación flexible e para dotar de produto fresco os animais durante todo o día. O Vector demostrou ser un enorme éxito mundial e introduciu a alimentación de precisión, as 24 horas do día, cunha mínima man de obra nas explotacións de vacún de leite.
Vector ofrece unha flexibilidade sen precedentes. Permite establecer calquera estratexia de alimentación, desde varias veces ao día en diferentes racións, ou variable en función do grupo de vacas.
COCIÑA
A cociña de alimentación do sistema Lely Vector é un espazo aberto onde se pode almacenar calquera alimento. Cada ingrediente ten o seu propio lugar dentro da cociña, e pode cambiarse facilmente o tipo e a localización. Isto aporta unha gran flexibilidade e permite axustar de maneira sinxela a ración mesturada aos cambios de concentrado. Co sistema de recheo do mesturador coa pinza de carga, ou a partir dun silo, pódense mesturar moitos tipos de alimentos, incluso en racións pequenas para grupos de vacas máis reducidos. Polo tanto, o Vector pode alimentar centos de vacas coa mesma ración, ou tan só unha cunha ración determinada.
PINZA DE CARGA
O sistema permite cargar unha gran variedade de tipos de alimentos coa pinza de carga. Para obter a cantidade adecuada, é posible axustar o tamaño, a altura e o peche da mordida da pinza regulando a precisión da alimentación. Unha vez obtida a cantidade necesaria de cada tipo de alimento, o sistema calcula o peso e corrixe automaticamente a pinza. Deste xeito, as vacas do grupo reciben exactamente a cantidade de comida que necesitan. Por conseguinte, grazas á precisión da pinza, cada gandeiro cun Lely Vector sabe exactamente a cantidade de comida que lles subministra ás súas vacas.
100 % ELÉCTRICO
Trátase dun sistema 100 % eléctrico e non require gasóleo para funcionar. O consumo diario deste robot de alimentación é inferior aos tres euros diarios de enerxía, polo que, en comparación cun carro mesturador convencional, o aforro en combustible é cuantioso.
LÁSER PARA MEDIR A ALTURA DA COMIDA
O Lely Vector sabe onde e cando se necesita alimento fresco as 24 horas do día, e proporciónao. O sensor de altura do alimento é unha función avanzada que mide a cantidade exacta de comida dispoñible na cornadiza. Grazas a isto, determina, sen a axuda do gandeiro, onde e cando se necesita o alimento fresco. Ademais, o Vector fai de arrimador, polo que, cando non está repartindo comida, está arrimándoa e, así, medindo se fai falta máis ración ou non.
AFORRO DE MAN DE OBRA
Este robot non só aforra traballo, senón que tamén reduce o estrés para o gandeiro, xa que os seus animais sempre estarán ben alimentados, deixándolle tempo para que xestione a granxa como desexe. O único que hai que facer é encher a cociña e limpala de vez en cando. O habitual é cargala unhas tres veces por semana, así que o aforro de man de obra é máis que considerable fronte ao carro unifeed.
O VECTOR É MODULABLE, MEDRA COA GRANXA
O Vector ten unha vantaxe moi importante, xa que, se a súa explotación cambia e aumenta de gando, a máquina pode medrar á par. Este robot é completamente modulable e pódense engadir máis boles dentro da mesma cociña para que a máquina teña unha maior capacidade.
NON SÓ VACAS DE LEITE
As vantaxes do Lely Vector non se limitan unicamente ás explotacións de vacas de leite. A alimentación de produto fresco é tamén importante na cría de gando para carne, ou incluso en ovellas ou cabras.