Inaugurado o Museo do Campo e a Mecanización

Inaugurado o Museo do Campo e a Mecanización

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de descubrir a placa que deu por inaugurado o novo Museo do Campo e a Mecanización, un espazo museístico que Feijóo cualificou como "un paseo polo rural galego e unha magnífica forma de reflectir a enorme modernización que experimentou o sector primario en Galicia”.

En palabras de Manuel Iglesias, director do museo: “Queremos ser unha ferramenta máis para o impulso do sector agrícola e gandeiro. Tamén servir de estímulo para as novas xeracións. Que vexan o rural como unha oportunidade".

Pola súa banda, Ángel Jove, presidente da Fundación do Campo Galego, agradeceulles a asistencia aos presentes e tivo unhas palabras para destacar o papel do museo: “Unha ferramenta dignificadora e divulgativa do campo galego que vai supor un espazo formativo e de lecer cultural familiar único en Galicia”. 

A través da visita ás 12 salas coas que conta o museo pódese percorrer a historia do campo e a mecanización galegas. Desde o paleolítico e neolítico ata a idade dos metais, os carros e por suposto o tractor.

Unha das salas, Sala Barreiros, contén máis de 20 pezas da marca Barreiros, unha das máis emblemáticas do sector automobilístico español. Este espazo concreto, inaugurado por Mariluz Barreiros, presidenta da Fundación Barreiros, é ademais dunha exposición, toda unha homenaxe ao galego Eduardo Barreiros.

Ademais, o museo conta cunha tenda dedicada a destacar produtores galegos que expoñen os seus produtos e que o público poderá adquirir directamente no museo.  Haberá tamén distintas salas de aprendizaxe para próximas actividades.

O museo conta con máis de 4.400 metros cadrados de exposición e prevense unhas 25.000 visitas anuais.