Inaugurada en Silleda a nova fábrica de Nudesa

Nudesa está a inaugurar esta semana a súa nova fábrica na localidade de Silleda e para celebralo está a levar a cabo varios actos. Precisamente, onte, tiveron lugar dúas xornadas técnicas que reuniron uns 334 profesionais do sector vacún de carne e de leite, para ofrecer unha visión integral sobre os retos e oportunidades aos que se enfronta a industria.

A xornada da mañá foi protagonizada por Gonzalo Domingo, veterinario de Nudesa, quen presentou a súa visión sobre o futuro da produción de leite en Galicia, destacando as tendencias emerxentes e a necesidade de adaptación aos novos mercados e regulacións ambientais, a importancia do leite na saúde pública, a gandería de precisión e o seguinte paso, que é a dixitalización das nosas explotacións. Á súa vez, Xan Rodríguez, director técnico de Vacún de Leite de Alltech e experto en microtoxinas, abordou os novos desafíos da nutrición animal e a sostibilidade, enfatizando na importancia dunha nutrición animal innovadora que respete os límites do planeta.

Pola tarde, a segunda xornada foi inaugurada por Sem Rodríguez, veterinario de Nudesa, coa súa charla "A Nosa Aposta: A Calidade", na que resaltou o compromiso de Nudesa coa excelencia e a seguridade alimentaria, e profundizou nos factores que inflúen na expresión final da calidade.

Pepe Roquet, director técnico de Alltech, pechou as charlas coa súa análise "Pasado, Presente e Futuro do Vacún de Cebo", ofrecendo unha perspectiva histórica e futura sobre a evolución do sector e a súa adaptación aos cambios do mercado e ás demandas de sostibilidade.

Ambas xornadas finalizaron cunha visita guiada polas novas instalacións da fábrica, durante a cal os asistentes puideron apreciar de preto a tecnoloxía e os procesos que colocan a Nudesa á vangarda da gandería sostible.

Os actos relativos á inauguración desta fábrica finalizan este sábado, coa apertura de portas ás 11 horas da mañá para todo aquel que non sexa do sector e que desexe visitar as novas instalacións.