Inatega presenta o seu proxecto I+D para a elaboración de lácteos máis saudables

Inatega presenta o seu proxecto I+D para a elaboración de lácteos máis saudables

No marco duns novos hábitos de consumo orientados ao benestar e a redución do impacto no medio ambiente, INATEGA puxo en marcha en 2018 o seu proxecto CDTI de investigación "Lácteos Diferenciados - Dairy-ference".

O proxecto conta co apoio do CSIC e a Universidade de León, así como a cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Con esta investigación preténdese reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro e a pegada hídrica, así como a obtención de lácteos máis saudables e con maior valor engadido. Para iso, traballouse coa raza Jersey, máis eficiente para a produción de queixo e de leite libre de B-caseínas A1. Grazas ás características propias da súa xenética, poden responder favorablemente a estratexias de alimentación que permitan obter nata de diferentes tonalidades sen necesidade de aditivos.

Os resultados obtidos constatan que é posible obter nata diferenciada de forma natural e queixo máis saudable. Ademais, validan un sistema ad hoc máis eficiente e máis respectuoso co ambiente para a produción de nata e de queixo diferenciados.