ANIMAIS TRANQUILOS E TRÁFICO LIBRE

Importantes melloras en Ganadería Puyal cun Lely Astronaut A5

Na localidade de Albalate de Cinca, situada na provincia de Huesca, atópase a Ganadería Puyal. Hai dous anos e medio que substituíron o robot que xa tiñan na súa granxa, doutra marca, por un de Lely, o Lely Astronaut A5. Os beneficios non tardaron en chegar e o cambio de tráfico forzado a libre foi positivo tanto para o rabaño coma para os gandeiros. Máis en Vaca Pinta 47.

Gregorio Puyal é socio desta gandería, que naceu no ano 2020, xunto cos seus dous fillos. Actualmente, moxen máis de setenta animais nun Lely Astronaut A5 que instalaron hai dous anos e medio e, por momentos, alcanzan as tres muxiduras de media por vaca e día. Así pois, lograron chegar ás 220 muxiduras diarias nalgúns momentos do ano. Puyal manifestou que o robot “o leva perfectamente e sen problemas”. Nun futuro, o obxectivo é adquirir outra unidade do A5 para seguir avanzando na eficiencia do negocio.

DE TRÁFICO FORZADO A TRÁFICO LIBRE

O proceso de implantación do robot foi moi rápido e, tal e como conta o propietario desta granxa, “unha casualidade do destino”. Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing de Lely Center Los Corrales, explicou o contexto de como decidiron instalar un Lely Astronaut A5 nesta explotación. Sánchez e Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña, achegáronse hai anos a Ganadería Puyal, cando aínda contaban cun robot doutra marca, co que estiveron traballando catorce meses. Durante a visita, descubriron que o gandeiro non estaba contento co desempeño da máquina da que dispoñía por aquel entón.

“Avaliamos os seus resultados, estivémolo escoitando durante toda a mañá e chegamos á conclusión de que quería cambiar de robot”, narrou Alberto Sánchez. Traballaban cun tráfico guiado severo con porta intelixente, onde os exemplares estaban nunha sala de espera, permanecían moitas horas de pé e non entraban a muxirse.

Co cambio a Lely, eliminaron todos os ferros e portas e instalaron o A5 de forma provisional; máis adiante, xa o moveron ao lugar que ocupaba o anterior robot. “Todo isto se traduciu nunha mellora xeneralizada do benestar dos animais. Pasaron de facer 178 muxiduras co robot anterior a días de 220. De feito, os propietarios están tan satisfeitos que queren implementar unha segunda unidade”, relatou Sánchez.

“Fixen o cambio sen moita meditación e, desde entón, a situación mellorou. Non hai comparación. O tráfico libre é bo para a vaca, para o gandeiro e para todos”, confesou Gregorio Puyal.

Ademais, o socio da explotación valora de forma moi positiva o tráfico libre que defenden desde Lely: “Agora igual miras o robot e non hai ningunha vaca, pero vólveste virar e xa hai unha. Non sabes nin de onde saíu. Van directas ao robot a muxirse. É outro mundo”.

BENEFICIOS DO A5

Un aspecto que Gregorio Puyal aprecia da muxidura robotizada con Lely en comparación coa súa experiencia previa é que o robot funciona correctamente e que non dá problemas; ademais, non son necesarias visitas constantes do técnico e a máquina non queda horas parada. Tamén lle dá grande importancia ao feito de non ter que intervir de maneira manual, senón que o robot fai ben o seu traballo, de forma silenciosa, e un nin se decata.

“Non sei por que ás vacas lles gusta tanto este robot: se lles dá mellor de comer, se as moxe máis suave… pero o que está claro é que están a gusto, porque seguen indo soas a el”, expresou o gandeiro.

Un dos fillos de Gregorio, Miguel Puyal, engadiu neste sentido que notaron moita melloría co A5, sobre todo no tema de non ter atrasos e no xeito no que pasan os exemplares, xa que lles gusta entrar a este robot: “Antes non era así. Agora hai vacas que acaban de muxirse e volven pasar dúas ou tres veces seguidas. Eu non sei que ten, pero agrádalles”.

BENESTAR ANIMAL E RENDIBILIDADE DO NEGOCIO

Miguel Puyal comentou que nestes dous anos e medio percibiu que os seus animais están moito máis tranquilos: “Estar máis horas deitados no parque e menos horas de pé parados na sala de espera foi un avance”.

“Cando recibimos visitas na granxa, o que máis sorprende é o número de exemplares que se chegan a muxir e a tranquilidade que transmiten. As vacas non perden o tempo: comen, beben, déitanse e móxense; teñen a súa rutina e non as obrigas a facer nada. Se non o ves, non o cres”, contou o mozo gandeiro. Tamén destacou en positivo que viven en rabaño sen moita intervención humana polo medio, é dicir, case non as molestan en todo o día, xa que non o necesitan.

“Dentro do robot, a vaca ten espazo para muxirse, visibilidade para ver o resto dos exemplares e o que está pasando fóra. Ve como lle poñen as tetoeiras e observa todo. Está tranquila porque é coma se estivese de pé no parque, coa única diferenza de que a están muxindo. É a forma natural da muxidura do animal”, aseverou.

Outro punto importante que cómpre destacar a raíz da montaxe do A5 é a parte económica da granxa, xa que, en definitiva, se trata dun negocio e necesitan ter a maior rendibilidade posible. Neste sentido, Miguel Puyal aclarou que “para nós é o ámbito máis relevante, pero sempre garantíndolles o benestar ás vacas. Dependemos de que elas estean ben e tranquilas para que produzan gran cantidade de leite”.

Con respecto ao futuro, a idea é realizar unha ampliación con outra nave e outro robot: “Xa temos un gran número de recría de animais e a explotación case pide a ampliación, co cal, en canto poidamos, a faremos. Ademais, queremos seguir con Lely porque nos deu moi bo resultado”, concluíu Puyal.