Impex Europa, a firma galega que elabora o Ratibrom, investiu 1,6 millóns na súa planta de Vilagarcía

A empresa, que lidera o mercado español de raticidas, aumenta o seu volume de produción en case un 50 % tras incorporar unha nova liña na súa factoría de Vilagarcía.

A firma galega Impex Europa, que elabora o popular Ratibrom, acometeu este ano un investimento de 1,6 millóns de euros para ampliar a capacidade de produción da súa planta de Vilagarcía (Pontevedra). O proxecto incluíu a incorporación dunha nova liña, con capacidade para elaborar 2.500 kg de produto ao día.

Coa nova máquina, Impex Europa aumenta a súa produción en case un 50 %, chegando a 7.600 kg por xornada. Son cifras que consolidan a firma galega como líder no mercado español de raticidas e praguicidas.

Os investimentos acometidos permitíronlle tamén mellorar a velocidade de mestura dos ingredientes dos cebos, reducindo o tempo preciso. Ese cambio permite que o aceite empregado teña mellor penetración e empape mellor a fariña, co que se consegue unha maior apetencia e maior resistencia á humidade.

A maiores de aumentar volumes de produción e calidades, con esta actuación Impex dá ademais un paso importante para reducir os tempos de entrega dos pedidos, o que lle achega unha vantaxe competitiva no mercado.