Holanda aproba o uso da vacina contra o serotipo 3 da lingua azul desenvolta por Laboratorios Syva

Holanda aproba o uso da vacina contra o serotipo 3 da lingua azul desenvolta por Laboratorios Syva

Laboratorios Syva anuncia que a súa vacina contra o serotipo 3 da lingua azul foi autorizada para uso de emerxencia nos Países Baixos en virtude do artigo 110 (2) do Regulamento (UE) 2019/6. Os primeiros brotes do serotipo 3 (BTV3) con signos clínicos graves notificáronse a comezos de setembro na rexión de Ámsterdam. Nas explotacións de gando vacún rexistráronse importantes perdas de produtividade con consecuencias graves para o benestar animal.

"Tras avaliar as nosas capacidades materiais e humanas", declarou César Carnicer, director xeral de Laboratorios Syva, "decidimos rapidamente dar prioridade ao desenvolvemento da vacina contra BTV3. Nesta fase inicial eran todas incógnitas, ao ser moi complicado prever o comportamento da cepa obtida e se ía ser suficientemente produtiva como para proporcionar as doses necesarias e lograr a cobertura vacinal que todo o mundo agardaba a curto prazo".

O doutor Hans de Smit, director de I+D de Syva, comentou que a finais de outubro xa tiñan a cepa do serotipo 3: "Puidemos comezar a preparar a documentación de rexistro poñendo en marcha os ensaios clínicos esenciais requiridos polas autoridades reguladoras europeas para que puidesen avaliar os datos de seguridade e eficacia da vacina antes de conceder unha autorización de comercialización. A experiencia coa nosa vacina multicepa autorizada a nivel europeo foi fundamental para poder conseguir iso, cumprindo así os requerimentos establecidos para un rexistro de emerxencia deste tipo".

Syva espera que isto permita aos gandeiros e veterinarios holandeses afrontar o período crítico de actividade do vector con menos preocupación.