Hipra leva a Galicia formación avanzada en ecografía torácica e análise de datos

Hipra leva a Galicia formación avanzada en ecografía torácica e análise de datos

A empresa biotecnolóxica Hipra prepara unhas xornadas técnicas para veterinarios durante esta primeira semana de febreiro en Galicia. A actividade enmárcase dentro do proxecto ‘Primeros Muuuus’, que pon o foco nas primeiras idades das tenreiras.

As sesións técnicas afondarán nas ecografías torácicas avanzadas e na análise de datos. O evento desenvolverase no Hotel Exe Peregrino de Santiago de Compostela e inclúe unha visita práctica á Finca Mouriscade, en Lalín (Pontevedra).

‘Primeros Muuuus’

Trátase da segunda xornada práctica da iniciativa ‘Primeros Muuuus’, que a compañía puxo en marcha en 2025. “Detectamos, principalmente na cornixa cantábrica, un novo perfil entre os veterinarios. Dentro da recría, enfocouse especificamente nas primeiras idades”, destaca Margarita Barreto, coordinadora deste proxecto e responsable da zona sur dos servizos técnicos de rumiantes de Hipra España.

Formouse un grupo de veterinarios que achegan as súas cuestións e preocupacións ao proxecto. A cambio, Hipra ofrécelles apoio, formación e seguimento ao longo do ano para que poidan realizar esa especialización cos coñecementos máis actualizados posibles.

“A definición de neonatoloxía fai referencia aos primeiros sesenta días de vida. Non obstante, tamén inflúe moito o estado preparto da vaca. O período que abarcamos sería desde que a vaca está en periparto ata que a tenreira acada o seu momento óptimo para iniciar a reprodución”, subliña Margarita Barreto.

Margarita Barreto é a coordinadora del proyecto 'Primeros Muus' de Hipra

Xornada en Santiago

“Os nosos compañeiros trasladáronnos a inquedanza de profundar máis na formación de ecografía torácica. A maioría dos integrantes do grupo xa a utiliza no seu día a día como ferramenta de diagnóstico, pero querían ir máis alá. Imos rexistrar datos, calcular parámetros de saúde pulmonar e tirar conclusións”, remarca.

O vindeiro xoves 5 de febreiro, Lorena Nodar, veterinaria de Hipra, será a encargada de impartir as dúas primeiras conferencias. Explicará cales son os principais indicadores de saúde pulmonar en tenreiras e como avalialos a nivel de campo.

Posteriormente, da man do seguinte relator, Joan Tutusaus, presentaranse distintos traballos realizados con ecografía torácica en relación coa saúde pulmonar e co correcto encalostrado.

Lorena Nodar lidera proexctos globais en Hipra como Digital Health Data Analytics Manager, trasformando datos complexos en inshights útiles para a toma de decisións. Conta cun amplo coñecemento en produción animal e enfermidades infecciosas.  

Joan Tutusaus é veterinario en ganderías leiteiras e cebadeiros. Ademais, exerce de profesor asociado na Universidade de Lleida. A ecografía torácica é unha das súas áreas de especialización e conta con diversas publicacións ao respecto. 

O venres 6 de febreiro, o grupo realizará unha visita á Finca Mouriscade. Héctor Martínez presentará esta gandería, pertencente á Deputación de Pontevedra e, máis tarde, o propio Joan Tutusaus coordinará unha sesión práctica. Realizaranse ecografías torácicas a varios animais de distintas idades.

Colaboración de veterinarios

Arredor dunha vintena de especialistas asistirá a esta formación en Galicia. Ademais, os seus integrantes colaboran coa cesión de datos datos para presentar información real sobre encalostrado, saúde pulmonar, recuperación tras enfermidades, etc.

“Convidamos os compañeiros a que participen cos datos que recollen nas súas granxas, porque moitas veces manexamos moitísima información de publicacións dos Estados Unidos ou doutras partes de Europa, pero existen poucos datos sobre España”, incide Barreto.

Prevese que no outono a compañía organice unha nova formación. “Seguiremos en contacto cos asistentes para detectar futuras necesidades e oportunidades. Programaremos máis sesións centrándonos nas súas propostas e combinaraas coas nosas ideas”, conclúe Margarita Barreto.