Hipra dá un paso firme cara á saúde humana coa investigación e fabricación dunha vacina fronte á covid-19

Hipra dá un paso firme cara á saúde humana coa investigación e fabricación dunha vacina fronte á covid-19

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, visitou a sede central da multinacional española Hipra, especialista en investigación, produción e comercialización de vacinas para sanidade animal. A partir da pandemia da covid-19 e como experta en vacinas para sanidade animal, Hipra dá un paso firme cara á saúde humana onde sabe que pode contribuír achegando múltiples solucións grazas á súa experiencia e coñecemento.

A visita xurdiu do interese do Ministerio de Sanidade para coñecer o progreso que Hipra está a facer cara á saúde humana. Á parte de visitar as instalacións, o ministro reuniuse coa dirección da empresa para falar dos proxectos enfocados cara a esta nova etapa.

Actualmente a farmacéutica está a investigar unha nova vacina fronte á covid-19 levando a cabo dúas liñas de investigación: unha propia e outra en colaboración co Hospital Clínic de Barcelona baseada no mRNA do virus que garanta unha inmunidade de longa duración.

Hipra ten un modelo singular cun “know how” único que a sitúa como referente xa que controla todas as fases de creación dunha vacina: desde a investigación e desenvolvemento ata a produción e comercialización.

Desde a compañía destacan que se conta coa tecnoloxía necesaria para desenvolver vacinas tanto para o ámbito da saúde animal como na saúde humana. Neste sentido, o ministro Illa destacou o potencial que teñen estas innovadoras instalacións.

Desde o inicio da pandemia, a multinacional púxose a disposición das autoridades sanitarias levando a cabo diferentes accións altruístas como o procesamiento de test PCR para centros sanitarios. Ademais, acreditou o seu centro Diagnos España como laboratorio de análises clínicas para dar servizo a centros sanitarios, servizos de prevención de riscos laborais e empresas.