Grupo Lence celebrou hoxe nas súas instalacións de Lugo un acto de recoñecemento aos gandeiros no marco do seu 50 aniversario. Foi unha homenaxe emotiva ao rural galego e ás familias que sosteñen, co seu esforzo diario, o presente e o futuro do sector leiteiro.
No acto púxose en valor o traballo das máis de 300 explotacións coas que colabora a compañía, así como a súa contribución á economía local e ao equilibrio territorial. As autoridades presentes —a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o terceiro tenente de alcalde de Lugo, Mauricio Repetto; e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias— felicitaron a empresa pola súa traxectoria e por situar o gandeiro no corazón da celebración.
“Este 50 aniversario é, ante todo, un grazas a quen madruga cada día para que o campo siga vivo”, sinalou Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence. “Reafirmamos o noso compromiso co rural galego: seguiremos comprando e transformando toda a nosa produción en Galicia, apostando por unha cadea leiteira forte, xusta e sustentable que xere emprego, arraigamento e innovación”.
“Hoxe dicimos grazas mirando cara a adiante: queremos ser o socio de confianza das nosas granxas nos próximos 50 anos”, engadiu Carmen Lence. “Iso significa estabilidade, proximidade e proxectos compartidos que impulsen modernización, relevo xeracional e sustentabilidade na orixe. O noso pacto é claro: crecer xuntos para que o rural teña máis futuro ca pasado”.
A homenaxe puxo o foco no impacto que xeran as explotacións nas súas comarcas: fixan poboación, dinamizan o tecido económico local e sustentan unha cadea alimentaria próxima e trazable. Grupo Lence quixo subliñar neste acto a importancia de colaborar a longo prazo coas granxas, potenciar a mellora continua e avanzar en modelos que premien a calidade, a eficiencia e a innovación na orixe.
Os asistentes ao evento tamén puideron gozar da actuación do músico lucense Abraham Cupeiro, que recentemente acadou grande notoriedade a nivel estatal tras contar no programa La Revuelta como lle propuxo ao equipo de Gladiator II gravar as súas partes da banda sonora en Lugo. Finalmente, conseguiu o impensable: que Hollywood desembarcase en Galicia.