Grupo Lence reforza o seu crecemento en 2022 grazas á innovación, á dixitalización e á optimización fronte ás dificultades do sector

Grupo Lence reforza o seu crecemento en 2022 grazas á innovación, á dixitalización e á optimización fronte ás dificultades do sector

Grupo Lence, empresa familiar 100 % galega, presenta os resultados consolidados do ano 2022 correspondentes á actividade láctea da compañía durante o pasado exercicio. Ao peche de 2022, o Grupo Lence facturou 208,4 millóns de euros, cun crecemento do volume de vendas de produto envasado dun 6,2 %. O beneficio bruto de explotación (Ebitda), pola súa banda, situouse en 9,5 millóns de euros.

Carmen Lence, CEO de Grupo Lence, valorou positivamente os resultados e subliñou que estas cifras son "o resultado das políticas de mellora continua iniciadas a finais do 2020, que inclúen a dixitalización dos procesos, a optimización de custos e mellora da eficiencia, así como do compromiso dos integrantes da compañía de dar o mellor de si mesmos. Esta é unha empresa onde se respira paixón polo que se fai".

Nun contexto complexo para o sector, Grupo Lence continúa cunha oferta moi axustada ás demandas do mercado, destinando o 60 % do seu produto a MDD (Marca de Distribuidor) e o 40 % a marcas propias. No que se refire ás súas dúas marcas principais, as vendas totais de Leyma e Río de Galicia incrementáronse nun 5,6 % en volume de litros vendidos.

En Grupo Lence, a innovación forma parte do día a día, co obxectivo de dar valor ao sector lácteo, ás ganderías e ao consumidor final. Por ese motivo, a compañía actúa como empresa tractora da industria galega e busca sinerxías con diferentes actores do tecido innovador do territorio.