A empresa familiar galega Grupo Lence recibiu este martes na súa sede de Lugo a Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia. Carmen Lence, CEO da compañía, acompañou ao presidente ao longo desta visita, a primeira que realiza ás instalacións desde que accedeu ao cargo. Tamén acudeu o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural, José Balseiros.
A xornada comezou cun encontro entre o presidente da Xunta, Carmen Lence e un grupo de empregados da compañía. Posteriormente, Alfonso Rueda realizou un percorrido pola planta de produción, na que Jesús García, COO da entidade, foi a persoa encargada de explicar como é o proceso de elaboración dos produtos. Para finalizar a visita, Rueda, Lence e o equipo directivo da empresa xunto co resto de autoridades mantiveron un encontro privado.
"É fundamental que empresas como as que conforman este grupo sigan funcionando porque moven todo o noso rural, que hai que modernizar, hai que facer fronte a todos os retos, desafíos e perigos que hai agora mesmo. Hai que manter toda a actividade dun rural coma o galego que non se pode esmorecer en ningún caso", afirmou o presidente da Xunta.
Pola súa banda, Carmen Lence agradeceu o apoio e a súa visita a Alfonso Rueda, á vez que puxo en valor o compromiso que ten a compañía co sector lácteo, o rural galego e os gandeiros e gandeiras da comunidade: "Esta é unha compañía na que se traballa con paixón co obxectivo de alimentar o espírito de superación a través de produtos sans e de calidade, investindo en innovación e actuando coma unha empresa tractora no territorio. Neste camiño, é imprescindible fortalecer e afondar nas relacións coa administración autonómica", concluíu.