Grupo Lence reuniu onte na Coruña a representantes do sector primario, da administración, da empresa privada e da sociedade civil na terceira edición do Foro Activistas por un futuro rural, un espazo de encontro que se consolida como referente para dar voz ao campo galego.
No marco do evento presentouse o I Observatorio Activistas do Rural, elaborado con máis de 200 participantes das catro provincias galegas. O estudo reflicte que o 96 % considera en risco o relevo xeracional, mentres que o 92 % demanda políticas públicas adaptadas á realidade rural. Ademais, tres de cada catro participantes valoran negativamente a situación actual do campo, sinalando carencias en servizos básicos, conectividade dixital e apoio institucional.
Aínda así, o Observatorio tamén debuxa un horizonte de esperanza: o 60 % percibe melloras respecto a hai dúas décadas e case o 70 % confía en que o rural será máis atractivo para vivir e traballar na próxima década. Como prioridades, os enquisados destacan a incorporación de mocidade, o reforzo de infraestruturas e a simplificación da burocracia, ademais de incentivos para empresas que aposten polo territorio.
A presidenta de Grupo Lence, Carmen Lence, subliñou que “os retos do rural non se resolverán desde despachos afastados, senón co compromiso de quen o habita, o traballa e o defende. Do futuro do campo depende a soberanía alimentaria do país”.
O foro contou coa participación institucional de María Quintana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; e Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, que coincidiron na necesidade de apoiar iniciativas que dean visibilidade ao rural e garantan a súa sustentabilidade.
A xornada concluíu coa estrea da nova campaña de Río de Galicia, que reescribe o Conto da leiteira para reivindicar que soñar non é un erro, senón o inicio dun proxecto. Os novos briks da marca estarán protagonizados por gandeiras reais, presentes tamén no acto, como símbolo de orgullo e ambición profesional no campo.
Con esta cita, Grupo Lence reforza o seu compromiso co futuro do rural galego, combinando produción láctea con iniciativas que impulsen o activismo e dean voz ao territorio.