Grupo Lence asina un convenio co Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar para fomentar a alimentación saudable e a actividade física

Grupo Lence asina un convenio co Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar para fomentar a alimentación saudable e a actividade física

A empresa familiar galega Grupo Lence asinou esta mañá na súa sede de Lugo un convenio de colaboración co Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. O acto de sinatura estivo encabezado por José Amado, presidente do clúster, e Carmen Lence, CEO da compañía.

Con este acordo, Grupo Lence adhírese de forma oficial á iniciativa "Plan 2 Millóns", coa que o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar presenta un proxecto común e de unión da sociedade para completar o reto de que dous millóns de persoas practiquen deporte regularmente en Galicia para o 2030. O obxectivo é sacar da inactividade a máis de 700.000 persoas.

Durante o acto, Carmen Lence sinalou que "esta iniciativa encaixa perfectamente coa misión e os valores da nosa compañía. Dende a fundación de Grupo Lence, sempre estivemos en estreita colaboración con diferentes organizacións e clubes deportivos para o fomento dunha vida sa. De feito, recentemente puxemos en marcha un programa de hábitos saudables para os nosos empregados, porque entendemos que o traballo en favor dunha correcta alimentación e o fomento da actividade física comeza na nosa propia casa".

"Desde o clúster puxemos en marcha este proxecto porque queremos que entre todas as persoas de Galicia construamos unha comunidade activa e saudable. Acadar os dous millóns de persoas activas situaríanos en números semellantes aos de países do norte de Europa e tería un gran impacto positivo, tanto no social coma no económico", recalcou José Amado pola súa parte.