Grupo Lence dá a coñecer a novos estudantes o valor da empresa familiar e do sector lácteo para o tecido empresarial galego

Grupo Lence, empresa familiar 100 % galega, levou a cabo recentemente unha serie de actividades con alumnos de entre 2.º de primaria e 4.º da ESO, co obxectivo de mostrarlles aos mozos a importancia das empresas familiares e do sector lácteo para a economía galega, así como de ofrecerlles referentes femininos na dirección dunha empresa do sector.

Así pois, no contexto do programa "Empresa familiar nas aulas", Carmen Lence visitou o CPR Fingoi de Lugo e ofreceu unha charla aos estudantes de 4.º da ESO, seguida dunha visita á planta da compañía láctea, onde os mozos puideron coñecer de primeira man o proceso de transformación do leite. "Esta iniciativa dános a oportunidade de concienciar os estudantes sobre o peso que ten o rural en asuntos como a importancia de manter a soberanía alimentaria e as súas implicacións para a economía e a alimentación", afirmou Lence.

Pola súa banda, dentro do marco do mes da igualdade, Carmen Lence visitou o CEIP Paradai de Lugo para compartir o proxecto "Rompendo estereotipos" con máis de 100 alumnos de primaria, quen realizaran un traballo sobre a CEO da compañía. Con esta acción, o centro educativo busca amosar aos seus alumnos e alumnas que ao fronte das empresas tamén están as mulleres, rompendo con imaxes preconcebidas e dándolles a oportunidade de que poidan ter referentes femininos.