Grupo Leche Río nomeou a Miguel Gómez Prado como o seu novo CEO. Dentro das súas funcións, ademais de ser o conselleiro delegado do negocio lácteo de Grupo Lence, tamén asume a dirección xeral de Transleche, empresa do grupo que se encarga do transporte do leite por estrada.
Carmen Lence, presidenta executiva de Grupo Lence, enmarcou este movemento dentro da “ambiciosa estratexia de crecemento que estamos seguindo coa compañía láctea, onde o servizo ao cliente é clave. Buscamos contar cos mellores profesionais no noso equipo para seguir medrando e fortalecer a nosa posición no sector”. Do mesmo xeito, sinalou que “desde que tomei as rendas da compañía hai case seis anos, a idea foi rodearme dun equipo de dirección composto por excelentes profesionais. Así conseguimos dobrar a facturación nos primeiros cinco anos e medrar no 2024 a dobre díxito”.
Pola súa banda, Miguel Gómez Prado comentou que “é un pracer unirme a un proxecto no que se respira paixón por todo o que se fai. Quero agradecer a todas as persoas da compañía e, en especial, a Carmen Lence pola súa acollida e a confianza que depositaron en min”. Ademais, apuntou que “Grupo Leche Río viviu un lustro de gran crecemento e, entre as miñas funcións, estará poñer as bases para que este crecemento vaia en aumento e siga sendo unha referencia no lácteo español”.
Unha traxectoria profesional internacional
Lucense de nacemento, Miguel Gómez Prado é licenciado en Enxeñaría Industrial (especialidade en Mecánica) pola Universidade de Navarra e conta cun MBA por IESE Business School.
É un profesional con profundos coñecementos nas áreas de distribución, loxística e transporte, cunha especialización moi marcada no sector farmacéutico, produtos de healthcare, material sanitario e médico, entre outros. Ademais, conta cunha ampla experiencia en proxectos de emprendemento, reestruturación de empresas e operacións de M&A.
Durante a súa traxectoria profesional, desempeñou diferentes responsabilidades a nivel internacional en compañías como SMS INNSE (Milán, Italia) e Mar-Lauquen (Bos Aires, Arxentina). Entre 1997 e 2000 formou parte de STEF, compañía dedicada á cadea de subministración do sector da alimentación, e tras esta experiencia, pasou case oito anos en Logista, onde foi director de Consultoría de Negocio e responsable de Transporte.
Desde mediados de 2006 e ata outubro de 2024 ocupou o cargo de director xeral de Logista Pharma ata que agora, en 2025, se une ao equipo de Grupo Leche Río. En paralelo, segue formando parte do consello asesor de Friday Systems, empresa da que tamén é membro fundador.