Grupo Lactalis celebra 40 anos en España apostando pola calidade, a innovación e o investimento

Máis de 1.000 referencias no mercado, 8 plantas de elaboración de leite, queixos, iogures, natas e manteigas, 2.500 empregados e empregadas, 2.000 ganderías colaboradoras ou 135 millóns de investimento no noso país nos últimos 7 anos son algunhas das cifras que destaca Grupo Lactalis polo seu 40 aniversario de presenza en España.

Os primeiros anos, na década dos 80, centráronse en establecer cimentos industriais sólidos, incorporando ás primeiras instalacións da compañía en Galicia tecnoloxía innovadora no tratamento do leite e na elaboración de queixos de pasta branda, así como achegando ás ganderías sistemas de refrixeración do leite que permitían unha maior eficiencia nas granxas.

A partir de 1990 o foco amplíase á parte comercial e á creación dunha sólida rede de distribución e comercialización dos leites e queixos da compañía, coincidindo co desenvolvemento do comercio polo miúdo en España e o inicio das grandes superficies.

Co cambio de milenio, en 2000, a expansión de Grupo Lactalis non cesa e pasa por ir incorporando ao seu portfolio primeiras marcas en todas as categorías de alimentos lácteos: en 2004 engádense á oferta Lactalis o batido Choleck e a horchata Chufi; en 2007 prodúcese a incorporación do seu queixo máis icónico, Flor de Esgueva, o inicio da comercialización en España de Galbani e a creación da joint venture para lácteos refrixerados e sobremesas frescas con Nestlé, Lactalis Nestlé, con La Lechera, Dalky ou Flanby como propostas máis destacadas, e chega 2010, "ano de España" para Grupo Lactalis a nivel internacional, no que se produce a adquisición de Puleva, Forlasa e Sanutri. Estas incorporacións fortalecen ao Grupo en tres áreas de gran relevancia: o leite de consumo, o queixo e a nutrición clínica. Tan só un ano máis tarde, adquírese o 100 % do leite El Castillo.

En 2012 complétanse todas as áreas da compañía coa creación de Lactalis Foodservice, unidade de negocio focalizada na canle HORECA e en atender as necesidades dos profesionais da hostalaría.

É, a partir dese momento, cando dá comezo a consolidación da compañía, continuando coa ambición por mellorar continuamente e a procura permanente da maior e mellor calidade dos queixos, leites, iogures, manteigas, natas, sobremesas lácteas, etcétera, xunto á creación de novas liñas de innovación que atendan as necesidades de todas as persoas consumidoras.