O 9 de novembro celebrouse en Ganadería Queirugueira unha xornada de portas abertas organizada por Lely, durante a cal os asistentes puideron coñecer todas as prestacións do robot de muxido Astronaut A5. Marcos Blanco e a súa muller, Patricia Vázquez, son os propietarios desta granxa, na que traballan con dous A5 e un A3. Vémolo en Vaca Pinta 42.
No municipio Val do Dubra, situado na provincia da Coruña, atopámonos coa Ganadería Queirugueira. Patricia Vázquez e Marcos Blanco, socios da explotación, dispoñen de 200 vacas adultas –180 en muxidura e, o resto, secas– e de 200 animais en recría; en total, suman 400 cabezas. Actualmente, producen máis de 7.000 kg de leite diarios.
Para levar a cabo todas as tarefas contan coa axuda de tres empregados. Traballan en torno a 115 hectáreas de terreo, das cales entre 80 e 85 son de millo. Unha parte téñena con praderías permanentes de raigrás, mentres que a outra vai rotando.
“Esta é unha das ganderías máis modernas e eficientes que temos na Coruña”, expresou Iván Brea, xestor comercial na Coruña de Agrotec Entrecanales.
PUNTO DE PARTIDA: AS INSTALACIÓNS
A decisión de optar polos robots de Lely chegou a raíz das novas instalacións que construíron. Nese intre, tiveron que elixir entre continuar co muxido tradicional ou pasarse ao automatizado: “Tomamos esta decisión e creo que non nos equivocamos”, explicou Marcos Blanco. Os tres Astronaut, dous A5 e un A3, divídense en tres lotes.
Nesta explotación hai dúas naves metálicas con moita claridade e ventilación, nas cales se distribúen os dous A5 e áreas de separación en cubículos con camas de area. Nestas áreas é onde se centraliza o traballo, xa que aquí van estar os animais que, polo motivo que sexa, requiran dunha maior atención que o resto. Así pois, as vacas teñen acceso á cornadiza e poden estar neste lugar o tempo necesario, coa comodidade de ter preto o robot para poder usalo en calquera momento.
A maiores, posúen outra nave de formigón, na que teñen un A3 con áreas de separación con cama quente de palla. “Esta zona pódese usar como parideira ou como un espazo para que a vaca se vaia acostumando ao robot”, expuxo Brea.
Outro aspecto destacable de Ganadería Queirugueira é o deseño dos pasos de transición: amplos e con bordos estreitos. Isto desemboca en que as vacas teñan un acceso moi cómodo á comida, aos cubículos e facilidade de desprazamento ao redor da gandería.
O PROCESO DE IMPLANTACIÓN DOS ASTRONAUT
A fase de introdución dos robots foi sinxela no caso desta granxa, xa que, tal e como indica Alberto Sánchez, responsable de vendas e marketing de Lely Center Los Corrales, os propietarios xa sabían que este método está baseado en facer o mellor para a vaca.
Lucía Freire, coordinadora de proxectos en Galicia de Agrotec Entrecanales, é a encargada de estudar e deseñar a mellor colocación para os robots en función da granxa, co obxectivo de asegurar o seu perfecto funcionamento e o benestar animal. “O meu traballo consiste en visitar a explotación nun primeiro momento para facer un estudo das posibles colocacións do robot, sempre primando o tráfico libre dos exemplares para conseguir os mellores resultados”, conta. Así pois, acorda co gandeiro as alternativas ideais para a colocación dos Astronaut.
Os factores que se han de ter en conta para decidir a situación das máquinas son variados, entre eles, as distancias que deben percorrer as vacas para acceder ao robot, o número de camas, os pasos de cruzamento, a ventilación, a iluminación ou as áreas de separación: “Unha vez analizados todos estes aspectos, elabórase un plano que se lle explica ao gandeiro minuciosamente para que comprenda o manexo que vai implicar”, afirma Lucía.
Desde Lely declaran que este procedemento é xeralmente accesible: “Nós instalamos unha estrutura sólida de aceiro, sobre a que vai aparafusado o robot e isto facilita moito todo, tanto para nós como para os albaneis, que serán os encargados do desenvolvemento da obra”.
TRÁFICO LIBRE E BENESTAR ANIMAL, PEZAS CLAVE DO PUZLE
Brea destacou que os socios desta gandería lles outorgan moita importancia á organización e á limpeza da explotación: “Por iso encontrámonos vacas moi limpas e coidadas, que, en definitiva, están producindo gran cantidade de leite”.
Alberto Sánchez, pola súa parte, resaltou que o que máis lle gusta desta granxa é que “as vacas desfrutan dun alto nivel de benestar”. Os seus animais están, polo tanto, moi tranquilos en todo momento, aspecto que termina sendo beneficioso para a produción. Ademais, sobresaen pola súa boa saúde e a súa lonxevidade.
“Temos que centrarnos na vaca: hai que darlle comodidade e todo o que necesita. Ter un sistema de muxido preto delas, comida e cama cómoda. Se logramos iso, hai rendibilidade. Recordade que a vaca non ten tempo”, manifestou Iván Brea.
Co modelo de tráfico libre, defendido por Lely, os animais elixen cando muxirse, cando comer, cando deitarse no cubículo e cando socializar coas súas compañeiras. Ademais, tamén lles axuda a diminuír o tempo que están de pé, o que inflúe en minimizar a aparición de coxeiras. “O ideal é proporcionarlle ao animal unha liberdade total”, transmitiu tamén Brea.
“É un orgullo que hoxe poidan estar con nós un grupo importante de gandeiros, porque ao final é o que somos todos: gandeiros”, concluíu Marcos Blanco con respecto ao desenvolvemento da xornada.
OUTRO DISPOSITIVO DE INTERESE, LELY JUNO FLEX
Nesta granxa adquiriron, a maiores dos robots de muxido, un arrimador de comida, o Lely Juno Flex. “É importante que as vacas teñan dispoñibilidade de alimento as 24 horas do día”, expresou Juan Alonso, xestor comercial no norte de Lugo de Agrotec Entrecanales. Deste xeito conséguese que a comida estea sempre preto do animal, co cal se alimenta mellor, produce máis e, en consecuencia, encóntrase mellor, afirman desde a compañía.
Trátase dun arrimador compacto que conta con luz estreboscópica, con pastor –para que os animais non o paren cando acerca o alimento– e con ollo, que lle serve para guiarse. Este dispositivo posúe motor para empuxar cara a ambos os lados, é dicir, que pode arrimar alimento tanto á esquerda como á dereita. Tamén está deseñado para ter en conta o desnivel, cunha porcentaxe do 15 %; polo tanto, pode subir pequenas costas. Outro dos puntos que cabe resaltar é que achega a comida onde realmente sexa necesario, xa que é capaz de detectar en que espazos hai máis ou menos alimento.
Un aspecto moi importante deste arrimador é que se vai actualizando ano a ano: “O que queremos é que estas máquinas duren moito tempo e que cada vez teñan máis capacidades”, anunciou Alonso.
O Lely Juno Flex pódese controlar de maneira moi sinxela co teléfono móbil a través dunha app, que lle permite ao operador axustar rutas e movelo manualmente, co que se automatiza todo o proceso, tal e como conta Juan Alonso. Ademais, tamén é posible conectalo ao programa de xestión Lely Horizon.