A Asociación Frisona de León (Afrile) celebrou o pasado 29 de novembro a súa VII Xornada Provincial na que entregaron os premios ás mellores ganderías e reprodutoras da provincia durante 2018.
Entre os galardoados, as mellores explotacións por ICO foron CEM SC, Finca El Egido e Fernández Fernández SC. Así mesmo, estas mesmas granxas levaron os premios de mellor vaca por ICO –CEM 583, de CEM SC–, de mellor vaca por produción a 305 días –Egido Lisona Ehman, de Finca El Egido–e de mellor gandería por produción a 305 días –Fernández Fernández SC–. As tres explotacións pertencen á Cooperativa Vega Esla, de León, que baseou os seus resultados no éxito do programa de axustes realizado polos seus técnicos co uso da xenética francesa, representada por Evolution Ibérica XY. A este grupo tamén pertence a gandería La Chopera SC que levou o premio á mellor gandería por produción a 305 días no total de animais (13.302 kg, 43,6 kg/día).
Este programa, que se iniciou no ano 2000 en 68 ganderías co obxectivo de lograr o seu desenvolvemento xenético, permite detectar os puntos fortes e débiles de cada explotación e elixir aqueles animais que corrixan as deficiencias dunha forma obxectiva. Mediante o axuste realizado anualmente vaca a vaca pretendeuse optimizar o progreso xenético e conseguir a uniformidade do rabaño para que funcione "como unha única vaca". Así, conséguese sacar o maior partido posible á xestión realizada en cada gandería, pois todas as vacas teñen necesidades moi similares ao estar influenciadas polo mesmo hábitat e o mesmo manexo. Os caracteres máis primados nestes axustes son os relacionados coa saúde, fundamentalmente do ubre, e a fertilidade das vacas conseguindo rabaños máis resistentes e máis fértiles. Tamén se ten moi en conta a redución da consanguinidade. No seu conxunto, estes parámetros permiten un incremento da lonxevidade das vacas mantendo unhas altas producións de leite, o que incide de forma sobresaliente na mellora da rendibilidade das explotacións.
A aplicación con rigor e de forma continuada deste programa foi a clave da consecución destes premios que debe servir de homenaxe a todos os gandeiros e técnicos implicados no desenvolvemento xenético da Cooperativa Vega Esla.