Tras deixar atrás a súa antiga sala de muxido en espiña de peixe de 14 puntos, a gandería SAT El Pelambre, situada en Ribamontán al Mar (Cantabria), apostou decididamente pola automatización coa instalación de tres robots GEA R9500 de GEA. Más en Vaca Pinta 53.
Cun rabaño de 180 vacas en produción e unha media diaria de 47,5 quilos por animal, o seu propietario, Juan Manuel Martínez, asegura que o cambio supuxo unha auténtica revolución na xestión da granxa: a produción aumentou en sete quilos por vaca ao día, os animais están máis tranquilos ao evitar o estrés do muxido convencional e o equipo humano gañou en calidade de vida e tempo libre.
A explotación, deseñada en tráfico libre co asesoramento técnico de GEA e Agrocantabria, incorporou tamén os colares Cow Scout para o control do celo e da saúde do gando, unha transformación tecnolóxica que o fai mirar ao futuro con eficiencia e benestar animal.
SAT EL PELAMBRE
Localización: Ribamontán al Mar (Cantabria)
Número total de animais: 350
Vacas en muxidura: 180
Número de robots: 3
Media de número de muxidos: 2,9
Media de produción: 47,5 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,20 %
Porcentaxe de proteína: 3,30 %
RCS: 100.000 céls./ml
Que sistema de muxido tiña antes de instalar os tres robots GEA R9500 e cando comezou a muxir con eles?
Antes de instalar os robots GEA, muxiamos cunha sala en espiña de peixe de 14 puntos. A granxa estaba crecendo e este tipo de muxido dificultábanos os horarios de traballo e ter a xente contenta. Por iso, decidimos dar o paso aos robots e empezamos a traballar con eles en novembro do ano pasado.
Como lembra o arranque e a transición da sala aos robots?
Non foi difícil, porque, malia empezar a traballar cos tres de golpe, estivemos moito tempo deixándoas entrar só para comer penso.
Unha vez que decidimos comezar, empezamos e vai moi ben, tamén grazas á axuda que nos prestaron os técnicos de GEA e de Agrocantabria.
Tivo que descartar animais por este cambio?
Non. Non descartamos ningunha vaca e continuamos crecendo coa nosa propia recría. O único que fixemos foi secar bastantes para poder comezar con menos ganado e así que fose máis levadío.
Pasados os primeiros seis meses de muxido robotizado, que beneficios notou?
Aumentamos a produción uns sete quilos por vaca e día, porque se moxen máis veces e están moito máis relaxadas, sen o estrés de amorealas para o muxido. Ao estar máis tranquilas e ter maior calidade de vida, funcionan mellor.
Ademais, nós e os traballadores temos máis tempo libre. A maioría facemos horario de seis da mañá a dúas do mediodía e, logo, pola tarde, un operario encárgase de todo.
A min permitiume poder estar máis tempo coa miña familia. Doutra forma, cando os fillos son pequenos, nin os ves.
Como distribuíu a granxa?
O rabaño está dividido en dous lotes: un patio de xovencas, que son as primíparas, e outro de adultas.
Decantámonos por un deseño en tráfico libre, colocamos na parte central da nave os tres robots e as súas correspondentes áreas de separación para vacas en celo ou enfermas.
Para o deseño do proxecto, contamos en todo momento co asesoramento dos técnicos de GEA e de Agrocantabria, e deixamos todo pensado por se algún día quixésemos colocar unha cuarta cabina.
Por que se decantou por GEA?
Sempre me gustou o muxido con GEA e valorei moito o tema da separación por cuartos e a calidade do leite. Estou moi contento coa marca, a verdade.
Tamén apostei por esta firma porque temos un servizo técnico moi próximo, con xente sempre moi pendente e un mantemento exhaustivo. É de agradecer a axuda que me deron durante o arranque e o pendentes que están sempre da granxa para que non pase nada e todo se manteña en orde.
Tamén incorporou os colares Cow Scout. Como está a ser a experiencia con eles?
O sistema Cow Scout é unha ferramenta moi cómoda, porque che permite, a través do teléfono, saber como está a ser o funcionamento da granxa, dos celos e da saúde dos teus animais en todo momento.
Conta con algún equipamento máis de GEA?
Si. Teño o arrimador, que funciona moi ben, porque lles mantén sempre a comida preto, e algún cepillo rascador.
Pensa en crecer ou en instalar máis robots no futuro?
Agora mesmo estou estabilizado así, porque eu non teño irmáns, estou eu na explotación cos meus operarios e, de momento, vou continuar desta forma. Se vexo que todo funciona ben, é posible que me anime a crecer un pouco máis.
Por que sistema se decantaron en SAT El Pelambre?
Nesta gandería instalamos tres robots de muxido GEA R9500 con tráfico libre e dividimos as vacas en dous lotes: as primíparas por un lado e as multíparas por outro.
Como as dimensións das instalacións son bastante grandes, con 100 metros de lonxitude, decidimos colocar os robots no centro da nave, para ter unha distancia adecuada á leitería.
Dous dos robots colocámolos en paralelo, no oco dos cubículos, e o terceiro instalámolo en L na terceira fila de cubículos, cara a un lateral.
Para todo iso, deseñamos varios modelos e ao final, entre todos, acordamos esta idea.
Que apoio lles ofrece Agrocantabria aos seus gandeiros?
Desde Agrocantabria garantimos un mantemento tanto preventivo como correctivo as 24 horas durante os 365 días do ano. O mantemento preventivo faise cada tres meses e o correctivo, cando é necesario e coa máxima celeridade.
Durante o arranque, estamos presentes na gandería durante todo o día e realizamos o noso asesoramento ata que o gandeiro e as vacas se familiarizan co novo sistema.
Neste caso, acudiron moi ben ao robot e fómolos deixando sós aos poucos días.