Robotización e benestar animal, a fórmula para garantir o seu futuro con GEA

Como moitas outras en Galicia, Gandeiría Pallón SC é unha gandería de orixe familiar que dirixen hoxe en Rodeiro (Pontevedra) Daniel Vázquez e os seus pais, Julio Vázquez e Beatriz López. A granxa medrou pouco a pouco desde que os seus avós iniciaron a actividade, pasando das 18 vacas coas que traballaban os seus pais nos seus inicios á construción na actualidade dunha nave totalmente nova para 100 vacas en produción, na que apostaron pola robotización da muxidura coa tecnoloxía de GEA. Máis en Vaca Pinta 55.

A dificultade para atopar man de obra e a procura dun maior benestar para os seus animais foron os dous factores clave para tomar esta decisión.

Despois de dous meses desde o cambio, a experiencia foi moi positiva: as vacas adaptáronse rapidamente, a produción aumentou uns sete litros por vaca e día e o manexo volveuse máis cómodo e eficiente.

Coas instalacións preparadas para medrar, a familia planea robotizar tamén a cría dos xatos coa incorporación dunha amamantadora e seguir ampliando a súa produción no futuro.

GANDEIRÍA PALLÓN SC

Localización: Rodeiro (Pontevedra)

Número total de animais: 130

Vacas en muxidura: 60

Número de robots: 1

Media de número de muxidos: 3,3

Media de produción: 42 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,50 %

Porcentaxe de proteína: 3,40 %

RCS: menos de 100.000 céls./ml


“A adaptación foi mellor do esperado, porque os animais se acostumaron moi rápido e con moi pouco traballo”

Que sistema de muxido tiñan antes e cando comezaron a muxir co robot GEA?

Antes muxiamos nunha sala de oito puntos e hai aproximadamente dous meses comezamos a muxir co robot GEA.

Por que decidiron dar o paso ao muxido robotizado?

Principalmente, pola falta de man de obra e polo benestar dos animais, que mellora co robot.

Cales son as características que máis valoraron do robot GEA?

Eliximos o robot GEA pola colocación manual e pola separación do leite por cuartos.

Se o robot non se coloca correctamente nalgunha vaca, podemos facelo nós de forma manual sen necesidade de descartar o animal.

Ademais, se un cuarto dá problemas, pódese aproveitar o leite dos outros sen ter que desbotar toda a produción.

Outro punto importante para nós foi o foso, porque é moi cómodo e facilita o noso manexo coas vacas.

Por último, tamén nos axudou a tomar a decisión de decantarnos por GEA o servizo técnico que teñen na nosa zona, que nos asesorou durante todo o proceso.

Vemos unhas instalacións moi coidadas e funcionais. Interveu GEA no seu deseño?

Si. A instalación foi deseñada desde o inicio co apoio dos técnicos de GEA, que valoraron tamén a nosa experiencia de manexo co noso rabaño.

Contamos cunha zona de separación con dúas portas automáticas, as cales podemos pechar se queremos illar determinadas vacas para poder manexalas de xeito individual. Desde que entran no box de muxido, saen por unha porta postselectora. Aqueles animais que non teñen ningún tipo de problema regresan ao grupo xeral e os que precisan atención quedan na enfermería.

Como foi o proceso de cambio da nave antiga con sala a esta con robot?

O cambio foi moi rápido. Non houbo un adestramento prolongado. O primeiro día entraron 15 vacas directamente a muxirse no robot. A semana seguinte, trasladamos outras 10 ou así e, a terceira semana, trouxemos o resto. En tres semanas estaban todas no robot.

A adaptación foi mellor do esperado, porque os animais se acostumaron moi rápido e con moi pouco traballo.


“As vacas están moito máis tranquilas e notamos un aumento significativo da produción en 7 litros por vaca e día”

Tiveron que descartar animais neste tempo?

Non. Non descartamos ningún animal, porque todos se adaptaron sen problemas.

Como se reparten as tarefas do día a día?

Na granxa traballamos meu pai e mais eu. Meu pai encárgase do manexo da recría na parte antiga; pola miña parte, atendo o robot e as vacas en produción nestas instalacións.

Que beneficios lles está a achegar a robotización do muxido con GEA?

Deunos maior flexibilidade horaria e maior comodidade no traballo. Ademais, temos acceso a moitos máis datos, porque antes non tiñamos información individual dos animais.

As vacas están moito máis tranquilas, cada unha móxese ao seu ritmo e notamos un aumento significativo da produción. Antes estabamos alcanzando uns 35 litros por vaca e día e agora estamos chegando aos 42 litros, é dicir, incrementamos uns 7 litros máis por vaca e día. O cambio de instalacións tamén axudou, xa que nas anteriores estaban un pouco saturadas.

A valoración da nosa experiencia é moi positiva. Recomendaría este sistema de muxido porque facilita o traballo e mellora os horarios, así como o manexo xeral da granxa.

Teñen máis equipamentos da marca?

Si. Ademais do robot, temos unha amamantadora pendente de instalar para robotizar tamén a crianza dos xatos.

Coa robotización do muxido, monitorizaron os animais cos colares Cow Scout. De que maneira lles axudan?

Achégannos información moi valiosa para detectar celos, identificar problemas dixestivos e controlar a produción de leite de cada vaca.

Pensan en medrar ou en instalar máis robots no futuro?

A nosa idea é seguir medrando e instalar máis robots no futuro, aínda que o faremos pouco a pouco. As instalacións xa están preparadas para unha posible ampliación.