- Farming Agrícola será o primeiro distribuidor da liña GEA Robotics, exclusivamente dedicado aos sistemas de automatización e robotización no muxido.
GEA e Farming Agrícola chegaron a un acordo para potenciar as vendas do robot R9500 e doutros equipos e sistemas de automatización en explotacións gandeiras, así como para a asesoría técnica das explotacións a través do novo concepto GEA Robotics®. Pedro Muñoz, xerente de GEA Farm Technologies Ibérica, e Juan Carlos Delgado, presidente de Farming Agrícola, foron os encargados de asinar o proxecto.
Con máis de 320 unidades vendidas en España e Portugal da súa cabina robotizada DairyRobot R9500 e excelentes resultados de muxido, tanto en rendemento como en calidade de leite, GEA asóciase cunha importante empresa do sector da maquinaria agrícola e gandeira como é Farming Agrícola. Trátase dunha aposta clara pola especialización, a calidade e a proximidade no servizo a través do novo centro que Farming Agrícola inaugurará en Frades (A Coruña).
Farming Agrícola estivo formando ao seu persoal para atender os equipos GEA desde setembro de 2019 e conseguiu un equipo especializado en muxido que está preparado para afrontar os retos que se presentan.
Desde o equipo de GEA Farm Technologies Ibérica confirman que xa están vendidas as primeiras unidades de DairyRobot R9500 e FRone na zona asignada para Farming Agrícola en Galicia, o cal "garántenos que os pasos dados son os correctos e os progresos están a dar os seus froitos ao longo deste 2020", explican.
"Damos a benvida a Farming Agrícola -engaden-. Esta nova empresa súmase a formar parte dunha importante rede de distribución existente con décadas de experiencia no muxido, na refrixeración de leite e en equipamentos gandeiros".
Con esta incorporación, a rede de distribución de GEA en Galicia pasa a estar formada polos seguintes distribuidores oficiais:
Agrícola Coruñesa: Distribuidor oficial de GEA Farm Technologies para muxido convencional.
Tecnor Lalín Maquinaria: Distribuidor oficial de GEA Farm Technologies para muxido convencional e automático.
Agritécnica Gandeira: Distribuidor oficial de GEA Farm Technologies para muxido convencional e automático.
Agrícola Acevedo: Distribuidor oficial de GEA Farm Technologies para muxido convencional e automático.
Farming Agrícola: Distribuidor oficial de GEA Robotics® para muxido automático.