Casa da Corte instalará a súa segunda cabina de muxido con GEA tras superar os 1,2 millones de litros anuais cun robot

Coa xubilación dos pais de Laura e Marcos López, o futuro de Casa da Corte (Chantada, Lugo) pendía dun fío. Se os seus fillos non se facían cargo da gandería, estaría abocada ao peche e foi entón cando ambos tomaron a decisión de apostar por este negocio. Iso si, con este paso tiñan claro que se decantarían por unhas novas instalacións e polo cambio a un muxido robotizado da man de GEA, co único fin de ofrecerlles maior benestar ás súas vacas e conseguir mellor calidade de vida para eles mesmos. Máis en Vaca Pinta 50.

En abril de 2018 comezaron a muxir cun robot GEA e, tras sete anos de crecemento, os seus rendementos son moi destacables. Están muxindo unha media de 75 vacas con tráfico libre e acadando uns 40 litros por animal e día. Chegaron a conseguir máis de 220 muxidos diarios e picos de produción de máis de 3.500 kg de leite.

Satisfeitos cos resultados e coñecedores de que o robot non pode estar sempre cun número de animais tan elevado, optaron por continuar medrando e agardan xa pola instalación dunha segunda cabina de muxido robotizado nos próximos meses.

CASA DA CORTE

Localización: Chantada (Lugo)

Número total de animais: 164

Vacas en muxidura: 75

Media de muxidos: 2,8

Media de produción: 40 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,90 %

Porcentaxe de proteína: 3,40 %

RCS: 145.000 céls./ml


“O noso dato máximo de muxidos por día é de 225 e o pico diario máis alto de produción sitúase ao redor dos 3.500 quilos de leite”

Cando empezaron a muxir co robot GEA?

Antes tiñamos unha sala de muxido en espiña con dez puntos. Estabamos muxindo unhas 60 vacas a dúas muxiduras e conseguindo unhas producións duns 2.000 litros de leite ao día aproximadamente.

Cando comezamos a muxir co robot en abril de 2018, custounos acadar os obxectivos e fomos pouco a pouco ata chegar ás condicións que temos hoxe en día.

Cales son as características da súa instalación?

Cando decidimos apostar por este tipo de traballo e de futuro, tanto o meu irmán coma min tiñamos claro que queriamos buscar comodidade para os nosos animais e tamén calidade de vida para nós. É entón cando deseñamos estas instalacións, nas que primamos a amplitude e a comodidade.

Os animais contan con patios de exercicio de 6 e 5 metros respectivamente, teñen unha zona de libre acceso ao robot e, ademais, deseñamos unha pequena sala de espera para aqueles animais atrasados ou que queremos meter ao robot por algún motivo concreto e outra zona para aquelas vacas con necesidades especiais.

Víctor Viana, técnico comercial en TLM, distribuidor de GEA na zona
“O sistema robotizado é unha boa alternativa para reducir man de obra na parte do muxido das granxas”

Que destacaría desta granxa?

Casa da Corte é unha granxa con instalacións moi ben coidadas e cun robot de muxidura en tráfico libre, no que se acadan rendementos e datos excepcionais.

Logran unha media que supera os 40 litros por vaca e día, muxindo arredor de 70 vacas e con máis de 200 muxiduras diarias.

As claves destes rendementos son o manexo e o traballo en equipo, neste caso coa distribución e cos asesores da granxa.

Que opina do crecemento en granxas robotizadas?

Está habendo un crecemento e un salto importantes, sobre todo, en granxas grandes. Igual que en Casa da Corte, temos moitas explotacións na zona que puxeron a primeira cabina e agora están coa segunda, terceira e incluso hai moitas coa cuarta.

Un bo manexo e funcionamento do sistema é a clave para unha maior eficiencia. Creo que o sistema robotizado é unha boa alternativa para reducir man de obra na parte da muxidura das granxas.

Cantas vacas moxen actualmente?

Estamos muxindo arredor de 75 vacas, pero é a época en que menos animais temos en muxidura. É certo que o habitual é ter sobre 80 ou chegar ás 85 en algunha ocasión puntual. 

Cal é a súa media de produción por vaca e día?

Actualmente, acadamos unha media duns 40 litros de leite por vaca e conseguimos unhas producións anuais de 1.200.000 litros máis ou menos.

Vemos que aquí se acadan datos excepcionais. Cales son as claves?

O pasado verán acadamos o máximo de muxiduras por día: 225. En canto á produción, aínda que a nosa cifra diaria adoita andar polos 40 litros de leite por vaca, tivemos picos nos que chegamos aos 46 ou 47 litros. O noso pico diario máis alto de produción sitúase arredor dos 3.500 quilos de leite.


“Decidimos instalar un segundo robot e contamos con telo aquí nos vindeiros meses”

Como se consegue? No noso caso, creo que é un compendio de diferentes factores. Por un lado, temos que ter unha simbiose e falar constantemente co noso veterinario nutrólogo para que as vacas entren facilmente ao robot; por outro, a nosa xestión como gandeiros e, por último, o tema da xenética. Buscamos touros cunha boa cantidade de leite, cunha boa conformación de ubre e colocación dos tetos e, sobre todo, cunha alta velocidade de muxidura. Así logramos fluxos interesantes de ata 4,12 quilos por minuto e vaca. Estamos moi satisfeitos.

Máis aló dos resultados puramente obxectivos, que achegou no seu día a día o robot?

O robot facilita unha liberdade horaria que outro tipo de muxidura non permite. No meu caso, que teño nenos pequenos, é moi difícil a conciliación co traballo e eu podo permitirme o luxo de non chegar antes das 9 nunca coa seguridade de que as vacas están a muxirse perfectamente e que teñen cubertas todas as súas necesidades. 

Por que elixiron GEA?

Cando decidimos apostar pola muxidura robotizada, decidimos ir ver in situ varios robots que xa estaban a funcionar.

Decantámonos por GEA pola posibilidade que ofrece de colocación manual, porque queriamos un robot con foso para poder traballar comodamente e porque o seu comercial na zona nos pareceu a persoa máis profesional e mellor formada nese momento, e soubo asesorarnos bastante ben sobre cales eran as características da máquina e indicarnos onde colocala no establo etc.

Tamén nos gustou porque conta con diferentes posicións para as vacas dentro da cabina e porque permite a separación por cuartos. O feito de poder adaptar o robot a cada animal e bloquealo se é necesario permítenos facerlles tratamentos ás vacas comodamente e sen ningún tipo de dificultade.

Na zona hai moitos robots GEA. Consideran que os seus datos e funcionamento influíron en que se instalasen máis robots?

Do mesmo xeito que nós fomos visitar outras granxas con robots antes de instalar o noso, tamén compartimos a nosa experiencia con outros gandeiros e si que veu moita xente velo; de feito, nos últimos seis anos instaláronse unha chea de robots en toda a zona. 

Pensan en medrar ou instalar máis robots nun futuro próximo?

Nun primeiro momento eramos reticentes a aumentar as instalacións ou mesmo a mercar unha segunda cabina de robot, pero si que é certo que somos conscientes de que, aínda que cheguemos a acadar un bo número de muxiduras ou unha cantidade de leite importante, o robot non pode estar sempre con máis de 75-80 vacas. É por iso que decidimos instalar un segundo robot e contamos con telo aquí nos vindeiros meses.