José Sánchez Sánchez asume a presidencia de Leche Gaza (Gandeiros de Zamora) en substitución de Heliodoro Rodríguez Tejedor. Na directiva continúan Francisco Manuel Redondo, vicepresidente; Félix Roncero Garrote, secretario, e José Antonio Carballés Alija, vicesecretario.
O Consello de Administración está integrado ademais por Pablo Salgado Garrido, Javier Rodríguez Manteca, María Aranzazu Abascal Guzón, Mario Villar del Teso e Avelino Martínez Juárez. Saúl Alonso Miñambres é o xerente.
O novo presidente rexenta unha gandería no concello zamorano de Carbellino de Sayago, do que tamén é alcalde. Na actualidade manexan algo menos de 400 cabezas en muxido e o negocio conta con remuda xeracional.
“Afrontamos este reto con ilusión. Por unha banda, intentaremos formular un proxecto continuísta co que se viña facendo e, por outra, buscaremos medrar e desenvolver novas liñas de produtos. Somos unha empresa pequena, así que nos centraremos principalmente na calidade”, afirma José Sánchez.
Leche Gaza conta con case 80 socios e máis de 30 ganderías. A maioría producen leite de vaca, aínda que tamén forman parte da cooperativa algunhas ganderías de ovino. Cada día recolle arredor de 150.000 litros de leite de vaca e alcanza preto de 80 millóns de euros de facturación ao ano.