Hai dous anos a cooperativa agroalimentaria Aira puxo en marcha o proxecto Trac Plus, financiado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, co que pretendían desenvolver solucións específicas a través da intelixencia artificial para conseguir a dixitalización completa dos axentes implicados na cadea de valor do sector lácteo, garantir a seguridade alimentaria e unha trazabilidade completa desde a terra ata os produtos que saen da súa planta de Melide.
Grazas aos sistemas de información e á colaboración de 10 ganderías, actualmente contan con ferramentas probadas nun contexto controlado e conseguiron obter un seguimento de lotes de produtos que serviron como piloto para o proxecto.
Rematado o prazo de execución e cumpridos os obxectivos, desde Aira indican que este traballo continuará en desenvolvemento dentro das liñas de dixitalización da cooperativa. Así, pretenden lograr que se expanda a todos os socios e socias, desenvolvendo ferramentas que se poidan integrar no seu día a día.