Fertiprado marca a folla de ruta das mesturas forraxeiras con leguminosas

A compañía portuguesa Fertiprado ve reforzada a súa filosofía de sempre ante as novas demandas do sector. A súa especialización en mesturas de sementes para pastos e forraxes alíñase coas novas políticas europeas. Técnicos e gandeiros comprobaron de primeira man o aspecto das plantas en campo nas diferentes xornadas celebradas na primavera na península ibérica. Máis en Vaca Pinta 61.

Desde hai máis de 35 anos, Fertiprado dedícase ao desenvolvemento de mesturas biodiversas ricas en leguminosas. Principalmente, o seu mercado abrangue Portugal, España e Italia. O seu crecemento foi constante, apoiado na calidade das súas sementes e, nos últimos anos, nas distintas regulacións centradas na sostibilidade. “As políticas actuais van encamiñadas ao que foi sempre a filosofía de Fertiprado: combinar gramíneas con leguminosas para producir proteína dentro da granxa. Cos custos de hoxe en día, isto é un plus para o gandeiro. Seguimos medrando nestes mercados e cada vez imos a máis”, destaca Manuel Rovisco, socio xerente de Fertiprado.

“Vemos con moita satisfacción que no mercado hai outras empresas que seguiron o noso camiño. Iso significa que as nosas opcións están en liña coas necesidades dos produtores. O noso equipo de I+D traballa constantemente no desenvolvemento de novas xenéticas, buscando variedades máis produtivas e máis sas”, engade Joel Presa, director de Estratexia e Desenvolvemento en Fertiprado.

Nesta liña, a empresa portuguesa prepara unha nova unidade de produción de mesturas en Elvas, situada no centro-leste de Portugal, no distrito de Portalegre, moi preto de Badaxoz. “Nun mercado tan competitivo e no que Fertiprado sempre estivo coma líder en mesturas forraxeiras, esta nova fábrica vai ser fundamental. Imos achegarlles nova tecnoloxía ás sementes e aumentar a capacidade de resposta nos mercados nos que traballamos”, explica Rovisco.

“Aínda que o primeiro fin é a rendibilidade económica para as granxas, en Fertiprado sempre estivemos moi pendentes dos temas ambientais dos que agora se fala. O consumidor cada vez valora máis a forma na que se produce. As nosas forraxes permítenlles aos gandeiros coidar os solos e o medio ambiente, ao tempo que aumentan a súa eficiencia económica”, remarca Presa.

Os responsables de Fertiprado coinciden en que cada vez é máis necesaria unha alimentación de calidade para as vacas, con forraxes que favorezan o aumento da produción sen depender tanto de alimentos externos. “As nosas mesturas achegan nitróxeno ao solo sen custo adicional, o que contribúe á redución da pegada de carbono. Vai na liña marcada por Europa en relación coa nova PAC e co denominado Pacto Verde. Cumprimos con todos os requisitos que necesitan os gandeiros para as axudas, porque empregamos máis dun 50 % de leguminosas nas nosas mesturas”, matiza Carlos Garrido, responsable de vendas de Fertiprado na zona norte de España.

Mesturas adaptadas a cada zona

Na primavera de 2026, a compañía organizou diversos encontros cos gandeiros en diferentes puntos da península ibérica para comprobar o estado das distintas mesturas antes do corte. Unha das citas levouse a cabo en Valdés (Asturias), zona enmarcada dentro da cornixa cantábrica, un territorio moi importante para Fertiprado.

“Hai uns vinte anos que comezamos a traballar no noroeste peninsular e medramos da man dos nosos distribuidores e clientes. Sempre mostramos a nosa preocupación por adaptar as mesturas ás zonas nas que traballamos no mercado de vacún de leite. Por exemplo, Talavera non é o mesmo que Asturias ou Galicia ou as illas Azores”, puntualiza Rovisco.

As variedades de Fertiprado evolucionaron en paralelo á profesionalización das granxas nesta zona. “En todo o norte de España hai moi boas ganderías con xente nova á fronte, que ten inquedanzas con respecto a temas como a pegada de carbono e o benestar animal”, asegura Garrido.

No campo de ensaio asturiano situado en Otur puido comprobarse o estado de variedades como Speedmix, Fertifeno, C-Mix, Grassmix e dúas pertencentes á gama de sementes Proterra: N-Max e Terra.

“As leguminosas fixan no solo o nitróxeno presente no aire. A forraxe ofrece máis proteína e fibra no ensilado. Isto tamén repercute na calidade do leite e da carne. Trátase de producir máis, pero coidando os recursos”, aclara Presa. Pola súa banda, Carlos Garrido incide na redución de problemas sanitarios: “Traballamos cunha xenética que nos permite obter fibras de moita calidade, que evitan doenzas relacionadas con patas e ubres”.


Fertiprado promoveu un campo de ensaio en Valdés da man de Campoastur, distribuidor oficial da firma portuguesa en Asturias

Acompañamento ao gandeiro

Unha das claves da traxectoria de Fertiprado é a proximidade cos distribuidores e gandeiros. “Podes ter un produto moi bo, pero, se non es capaz de apoiar os distribuidores e produtores no seu cultivo e manexo, non se logran bos resultados”, advirte Presa.

“Somos unha empresa que vende os produtos nunha época puntual e logo estamos todo o ano visitando os cultivos e ofrecendo asistencia técnica. Axudamos os gandeiros a decidir cando cortar para que as fibras manteñan toda a calidade e a incorporar as mesturas nas racións”, apunta Carlos Garrido, consciente de que “non sempre se pode cortar cando se quere. O ideal sería cortar cando as leguminosas teñen arredor dun 20 % de floración”.

Desde hai uns tres anos, a cooperativa Campoastur é distribuidora das sementes de Fertiprado en Asturias. Por outra banda, desde marzo de 2026, Fertiprado pasou a ser en Portugal o distribuidor exclusivo de Lallemand Animal Nutrition para os inoculantes da gama Magniva, principalmente con tres produtos: Magniva Clásico, Gold e Platinum 3. “Este acordo permítenos ampliar os nosos servizos. Agora imos máis aló do corte da forraxe cunha empresa que é líder mundial na área de microbioloxía, inoculantes e fermentación para silos”, resalta Joel Presa.

Experiencias Fertiprado

José López Pepe Choureiro, responsable de Ganadería Choureiro (Navia, Asturias)

Coñezo as mesturas de Fertiprado desde hai moitos anos. A evolución foi moi importante en canto a calidade e cantidade de variedades. Ofrecen unha boa produción e achéganlles moita proteína ás vacas. Ademais, fixan nitróxeno no terreo e contribúen á fertilización da seguinte colleita. Cada vez máis xente pregunta por elas. Eu vendo a forraxe excedente e teño demanda de bólas de mestura de raigrás con vezas e trevos. Nótase a mellora da rendibilidade porque, cuns custos similares, producimos máis”.

José Manuel Álvarez, responsable de Tahoces (Las Regueras, Asturias)

É o segundo ano que sementamos as mesturas de Fertiprado. A terra coa leguminosa queda máis solta e mellor preparada para o seguinte cultivo. Achégalles moita proteína aos animais, o que che permite reducir a proteína do concentrado, un dos principais custos. Constitúen un tipo de forraxe que se adapta moi ben á hora de preparar a ración no carro; a mestura sae moi apetecible e é máis dixerible. Quizais o punto máis delicado sexa o momento da sega, pero aí a semente non ten culpa, iso depende da meteoroloxía”.

Armindo Silva, gandeiro en Vila do Conde, distrito de Porto

Os produtos de Fertiprado son excelentes. Implantar este tipo de cultivos fixadores de nitróxeno ten moito sentido, especialmente nun contexto coma o actual, con guerras en distintas partes do mundo e subas constantes nos prezos dos fertilizantes. Se temos unha planta capaz de fixar nitróxeno, que é un dos compoñentes máis caros do fertilizante e un dos que máis necesita o millo, creo que non hai que pensalo dúas veces. Estas leguminosas teñen unha vantaxe para as vacas: permítennos reducir o custo do concentrado. Na nosa zona é case imposible facer palla ou fibra, así que buscamos obter valores máis altos de proteína na forraxe para poder reducir despois o concentrado”.

Flávio Eiras, gandeiro en Barcelos, distrito de Braga

A variedade que semento é Avex, sobre todo pola cantidade de forraxe que produce e tamén pola súa calidade. É unha mestura adaptada ao noso clima, os animais aprovéitana moito mellor e producen máis leite. Gustaríame poder sementar máis, pero teño unha superficie moi limitada para o número de animais que manexo. Despois, conseguimos producións de millo moi boas, con cantidades de 80 toneladas de materia verde por hectárea. Por outra banda, reducir a pegada de carbono é importante. Temos que coidar o medio ambiente para deixarlles un futuro mellor ás novas xeracións”.

Carlos Mendes, gandeiro en Barcelos, distrito de Braga

Semento mesturas de Fertiprado en toda a superficie que traballo. Como lle achegan moita proteína ao silo, os animais inxírenas moi ben e iso repercute na súa produción, co que me permiten aforrar en penso proteico. Ao final, o que importa é o que queda no peto, non? As variedades que uso son Speedmix, Fertifeno e Avex. Despois de cultivar estas mesturas, normalmente aplicamos menos nitróxeno por hectárea, xa que a estrutura do solo queda mellorada tras a súa sementeira”.

Carlos García
Carlos García - Presidente da cooperativa Campoastur

Que servizos ofrece Campoastur?

É unha cooperativa asturiana cuns 7.500 socios. Somos fabricantes de pensos, tanto convencionais coma ecolóxicos, ofrecemos servizos de maquinaria e contamos con tendas no medio rural.

En que momento apostastes polos produtos de Fertiprado?

Desde hai tres anos somos distribuidores. Presentouse a oportunidade, os produtos gustábannos e aos técnicos encaixábanlles.

Como valoras a relación ata o momento?

Está dando moi bos resultados e a xente está contenta. As diferentes mesturas adáptanse ben, sobre todo ante as novas medidas que esixe a Política Agraria Común (PAC), con mellora do solo e achega de nitróxeno. Ademais, se necesitásemos unha nova variedade, creo que serían capaces de creala.

Como é o trato co servizo técnico?

O noso equipo está moi formado e mantense preto do persoal de Fertiprado. Para calquera tipo de consulta sempre están dispoñibles.

Gabriel González
Gabriel González - Responsable de cultivos pratenses en Campoastur

Como valoras a vinculación con Fertiprado?

Trátase dunha empresa moi recoñecida e con grandes produtos. Traballamos moi a gusto con eles, temos unha relación próxima. Apostamos polo tipo de xenética que teñen coas leguminosas. Coñecemos as dificultades para recoller as forraxes en Asturias, principalmente pola meteoroloxía; por iso, dispoñer dunha xenética tan traballada axúdanos a suplir eses factores adversos.

Que tipo de variedades recomendades?

Adoitan ser mesturas multicorte, aínda que, cada vez máis, se sementan as dun só corte, que incorporan trevos, vezas e cebada. Na actualidade, queremos impulsar tamén as variedades melloradoras do terreo, que axudan a fixar nitróxeno, reducir a presión de determinados axentes biolóxicos e, en consecuencia, aforrar custos.

Que lle achegan á ración das vacas?

Buscamos tamén cultivos con proteína para que faciliten a dixestibilidade da ración e contribúan ás altas producións de leite que existen hoxe en día nas granxas.

De que maneira estes produtos están no camiño da sostibilidade?

Todas as variedades de Fertiprado coas que traballamos complementan moi ben a PAC, especialmente os ecorreximes, xa que teñen máis dun 50 % de leguminosas. Ademais, son variedades que fixan moi ben o nitróxeno no solo e favorecen a redución de produtos fitosanitarios. 

Paula Soler
Paula Soler - Responsable comercial de Lallemand Animal Nutrition en España e Portugal

Que servizos ofrece Lallemand Animal Nutrition?

Lallemand é unha empresa de orixe canadense orientada á produción e comercialización de lévedos e bacterias para diferentes áreas de negocio, entre elas a produción animal. No caso da nutrición de vacún, abranguemos desde as forraxes ata os xurros, pasando polos aditivos e materias primas para o penso.

Por que comezastes a traballar con Fertiprado?

É unha empresa con valores similares a Lallemand, entre os que destacan a calidade e o servizo aos gandeiros. Dada a capacidade de Fertiprado para chegar ao cliente final, considerouse que era un socio estratéxico moi importante de cara ao mercado portugués.

Que produtos recomendades para o ensilado de pradeiras destinado ás vacas de leite?

Para os ensilados de primavera traballamos coa nosa gama Magniva, unha liña de inoculantes a base de bacterias e encimas, un dos principais valores que achegan os nosos produtos. Dispoñemos de solucións para ensilados húmidos ou cun nivel de materia seca máis elevado.

De que maneira melloran a dixestibilidade?

Grazas ás encimas apreciamos unha mellora da dixestibilidade, porque favorecen a dispoñibilidade de azucres durante a fermentación das forraxes e provocan un mellor aproveitamento da ración. Polo tanto, isto trasládase a un mellor retorno do investimento.