Zoetis ofreceu a posibilidade aos traballadores do sector primario de poder escoitar a un experto en materia económica e poder resolver así algunhas das incertezas que por mor da crise do COVID-19 sobrevoan o sector. O seminario, celebrado o luns 4 de maio, en formato online, foi seguido por máis de 500 profesionais e contou con Fernando Trías de Bes como relator especialista e con Pedro Martín, director da Unidade de Negocio de Porcino, Avicultura, Automation & Biodevices en Zoetis España, como moderador.
Tras analizar as peculiaridades da actual situación económica, centrou a súa exposición no sector primario. Ao tratarse de bens de primeira necesidade, Fernando non cre que este sexa un dos máis damnificados, pero si que hai varias modificacións que chegaron para quedar. Entre estes cambios, destacou a nova canle online como modo de distribución e engagement cos clientes, a polarización da demanda e a adaptación da oferta a grandes economías de escala ou novos nichos de valor.
En canto á vinculación do sector primario coa canle Horeca, aconsellou buscar outro tipo de accións e ofertas para orientar esas vendas cara aos supermercados, xa que a alta vinculación desta canle co turismo fará lenta a súa recuperación. E, para que isto non acabe manchando a marca España, advertiu ao sector cárnico sobre a importancia de loitar unidos para evitar o detrimento das exportacións.
Pese ao “contexto de gran incerteza”, como el mesmo o denominou, Trías de Bes mantivo un fío tranquilizador, onde aconsellou moito sentido da realidade, “isto é algo pasaxeiro e non debemos deixarnos levar pola incerteza e o medo”.