Fefriga e Abanca renovan a súa colaboración para o financiamento e a sostibilidade das granxas federadas

Fefriga e Abanca renovan a súa colaboración para o financiamento e a sostibilidade das granxas federadas

Este venres, 24 de xullo, a Federación Frisona Galega (Fefriga) e Abanca renovaron o seu acordo de colaboración para o impulso e mantemento do sector agrogandeiro galego. Os cooperativistas e asociados federados contarán co amparo dunha serie de produtos e servizos deseñados á súa medida desde a liña financeira Agro da entidade bancaria, así como cunha rede de xestores e xestoras especializados no ámbito. 

A sinatura do documento foi realizada en Lalín polo presidente de Fefriga, Manuel Sandamil, e polo director de Banca Sectorial de Abanca, Jesús Combarro. O convenio pretende impulsar as persoas activas no sector a dar resposta aos principais retos e desafíos actuais, como son a transición cara á sostibilidade ou o financiamento das súas actividades habituais. 

No encontro, tras conversar sobre a situación actual da gandaría en Galicia, ambas as partes acordaron manter un contacto fluído para abordar as diferentes necesidades que poidan xurdir no contexto xeopolítico actual. Aínda así, a rúbrica establece como base a oferta dunha serie de fórmulas de crédito vinculadas á sustentabilidade, deseñadas especificamente para os activos relacionados co tecido. En paralelo, tamén inclúe un catálogo de produtos e servizos que permitirán a posta en marcha de novos proxectos e a mellora competitiva dos existentes, de maneira que se poñen á disposición das empresas membro de Fefriga préstamos persoais, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e tipos de xuro competitivos

Entre as liñas específicas contempladas, a alianza propón como solucións o leasing mobiliario, o desconto comercial e os préstamos para primas de seguros agrarios. En canto ás necesidades diarias, as persoas interesadas pertencentes á federación contarán con préstamos de anticipo para as colleitas ou subvencións, ademais de poder beneficiarse de liñas de financiamento oficiais que Abanca subscribe con diferentes organismos públicos, como son a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) ou o Instrumento Financeiro de Xestión Centralizada.

Unificación de necesidades na Liña de Financiamento Agro Multidestino

No relacionado co anticipo das axudas da PAC, os gastos de campaña ou o financiamento de primas de seguros agrarios, o acordo dá acceso á Liña de Financiamento Agro Multidestino, que permite unificar esas e outras necesidades dentro dunha mesma póliza. Igualmente, propón o aforro no pagamento dos servizos bancarios máis habituais solicitados polos federados.