A empresa de maquinaria Farming Agrícola realizará unha xornada de demostración dedicada ás solucións da gama Merlo na Coruña. A mostra terá lugar o 5 de agosto, mércores, a partir das 11:00 horas na granxa SAT O Fondal e nas instalacións da firma situadas no concello de Frades. Para o acceso, é necesaria a inscrición previa a través desta ligazón habilitada pola organización.
A través de demostracións en vivo, presentacións e probas dinámicas, a empresa exporalles ás persoas asistentes as funcionalidades dos produtos da marca Merlo. O programa inclúe a realización de diferentes actividades: competicións, circuítos de condución, entrega de premios... Estas estarán acompañadas dun xantar tradicional a cargo dun "pulpeiro".
Os visitantes poderán, paralelamente, coñecer outras marcas comercializadas e distribuídas por Farming Agrícola, como Tanco ou Amazone. Estará exposta ao público unha variedade de equipos para tarefas agronómicas.