A firma holandesa Lely organizou unha xornada de portas abertas a mediados de abril na granxa Abrita, situada en Portomarín (Lugo), para amosar as prestacións do Lely Astronaut A5; nesta explotación dispoñen de catro desde hai xa case tres anos, con resultados satisfactorios. Máis en Vaca Pinta 45.
A familia de Abrita abriu as portas da súa gandería a todo o que estivese interesado en coñecer o funcionamento do Astronaut A5 nun evento levado a cabo por Lely. Manuel Rodríguez, un dos socios, opúñase totalmente aos robots no pasado, “pero ao final acabei con catro de Lely nesta granxa”, —confesou—, “deime de conta das necesidades que había no negocio, os meus pais ían chegando a certa idade e vin que era o que debía facer: cambiar de sala a robots”.
Actualmente moxen uns 230 animais e conseguen ao redor de 10.000 litros diarios. Cabe destacar o aumento da media de produción nos últimos anos, xa que, pouco despois de instalar os robots, obtiñan unha media de 38 litros/vaca/día, un dato que irá incrementándose ata chegar á cifra actual de 42 litros/vaca/día.
NOVAS INSTALACIÓNS, NOVO TIPO DE MUXIDO
Hai tres anos, en outubro de 2021, inauguraron unha nova nave, momento no que deron o paso para robotizar a súa explotación. Rodríguez explicou que desde entón e ata agora o modo de levar a cabo as tarefas cambiou moito, sobre todo con respecto ao volume de traballo físico. “Son animais e hai que estar con eles, pero é certo que antes tiñas que estar aquí si ou si e agora podes cambiar as horas e adaptarte moito mellor”, expuxo.
Antes de ampliar as instalacións, fixeron unha investigación previa coa finalidade de obter os mellores resultados. Optaron por corredores amplos e elixiron as camas que creron que serían máis cómodas para o gando: “Temos camas de carbonato con serraduras, cunha pendente alcanzable á vaca, así que os animais se erguen e se deitan moi facilmente. Non lles ves nunca os xeonllos inchados”, apuntou o socio.
Esta nova nave sobresae pola súa altura, luminosidade e ventilación, e consta de dous parques diferenciados, tal e como contou Pablo Cachafeiro, delegado comercial de Lely en Pontevedra, Ourense e sur de Lugo. Os robots están colocados en forma de L, cola con cola, na cabeza dos lotes. “Comparten unha área de separación e garántese un grande espazo diante das máquinas. A auga está moi preto da saída dos animais”, narrou Cachafeiro.
O que buscaban, en xeral, era o confort da vaca e mellorar o traballo dos gandeiros, metas xa alcanzadas a día de hoxe. Ademais dos Astronaut, posúen o programa de xestión Lely Horizon, o arrimador de comida Lely Juno Flex e dous rascadores da firma holandesa.
DEFENSORES DO TRÁFICO LIBRE
“As vacas van ao seu aire. Entran cando queren e non hai que andar meténdoas no robot nin correndo detrás delas. Unhas van cinco veces e outras, dúas”, comentou o socio da granxa sobre a combinación do tráfico libre cos Lely Astronaut A5.
“Conseguimos que vaian soas ao muxido sen necesitar moita man de obra. Non esquezades que nós levamos o muxido ás vacas, e non as vacas ao muxido. Hai que deixar que as vacas sexan vacas e que elas decidan o que queren facer”, puntualizou o delegado comercial.
Deste xeito, o gandeiro tamén indicou que apenas teñen atrasos, que os animais están moi tranquilos e que aumentaron a produción en seis litros máis por vaca e día en comparación cos datos que reflectían hai anos. Outro punto positivo que engadiu con respecto ao tráfico libre é que percibiron unha melloría moi importante na recría. “Nunca ves un ubre cheo nin xovencas tirando o leite”, resaltou.
Pablo Cachafeiro insistiu en que desde Lely buscan que os animais estean deitados o máximo tempo posible: “Non cremos en sistemas que forzan os exemplares a estar moito tempo de pé e interrompendo a súa dinámica natural, que dependen de man de obra para levalos dúas ou tres veces ao muxido. O tráfico libre é o mellor para as vacas e para o gandeiro”.
“Canto máis cómodas estean as vacas e mellor sexa o manexo, máis produciremos. Non estabamos afeitos aos robots e, grazas a Lely, estamos a mellorar no benestar da vaca, o que desemboca en que a nosa produción vaia aumentando cos meses”, afirmou o socio de Abrita.
Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales, destacou así mesmo a importancia da eficiencia e a sustentabilidade. Desde a compañía queren que ao gandeiro lle vaia ben e teñen en conta o coidado do planeta: “Queremos que estas vacas sexan máis lonxevas. Van producir máis leite, necesitaremos menos recría e, en consecuencia, seremos moito máis sustentables. Todo iso conseguímolo co tráfico libre”.
A RUTINA DE TRABALLO E O FUTURO DA GANDERÍA
Cos catro Lely Astronaut A5, os empregados só dedican tres horas ao día ao muxido: unha hora e media pola mañá, e outra hora e media pola tarde. Durante este período de tempo, atenden as vacas enfermas, as inseminacións, os primeiros muxidos e os animais en atraso: “Comparado cun sistema no que levan os exemplares a muxir tres veces ao día, sen dúbida supón un grande aforro de man de obra”, manifestou o delegado comercial.
Desde un primeiro momento, a idea dos socios de Abrita era chegar a instalar unha quinta unidade do Astronaut; proximamente isto farase realidade coa implementación dun novo robot, que lles axudará a seguir prosperando e avanzando na produción e no crecemento do negocio.
“Co tráfico libre e co muxido robotizado o rabaño está máis contento e perde menos o tempo. Lembrade que todos gañamos: o gandeiro, as vacas e o planeta”, concluíu Cachafeiro.