Efrén Francisco forma parte da granxa familiar Campolongo, situada no municipio lucense de Carballedo, máis concretamente, na Barrela. Hai máis de cinco anos que decidiron implementar un Lely Astronaut A4 para evitar o peche da explotación. Na actualidade e tras ver os resultados obtidos, proximamente instalarán unha segunda unidade do A4. Ver en Vaca Pinta 44.
86 é o número de vacas que a día de hoxe están muxindo en Campolongo, todas co Lely Astronaut A4 que adquiriron hai xa máis dun lustro. Efrén Francisco, un dos socios desta granxa familiar, contounos que hai pouco que tomaron a decisión de montar outro A4, co que empezarán a traballar moi pronto.
Efrén Francisco é veterinario, do mesmo xeito que os seus outros dous irmáns: “Sempre nos gustou un pouco máis o tema dos grandes animais, da gandería e da produción ao vir dun ambiente rural, aínda que é certo que cada un de nós nos especializamos en ramas diferentes”. O pequeno dos irmáns, Efrén, traballa como veterinario de campo.
CONTINUIDADE DA GRANXA GRAZAS AO ASTRONAUT A4
Esta gandería naceu da fusión de dúas explotacións, por parte da nai e do pai de Efrén. “Sempre tivemos diferenzas en canto a se seguir manténdoa ou non desde que se xubilou o meu pai”, confesou. Finalmente, tomaron a decisión de optar pola robotización; grazas a iso, puideron seguir conservando o negocio. “Empezou a renacer un pouco co robot, xa que estaba estancado tanto en terras como en número de animais”, explicou. Unha vez realizado este cambio, intentaron aumentar tamén o número de animais e, ao pouco tempo, Campolongo foi deixando atrás o seu período de estancamento para iniciar o seu rexurdir.
“A verdade é que, debido á nosa situación particular na que cada un dos irmáns ten o seu traballo e o meu pai xa está xubilado, a solución pasaba pola robótica, non había máis posibilidades para salvar a explotación”, expuxo o socio da granxa. A pesar das dúbidas que tiñan co robot ao non posuír experiencia previa con este sistema, a robotización estaba nunha fase de explosión, co cal se animaron a confiar neste método de muxido. “A verdade é que a xente que tiña robots nos alentou a que probásemos e, ao ver que así o negocio podería ter futuro, animámonos”, declararon desde Campolongo.
Actualmente, ao ver a evolución e o crecemento da gandería, os propietarios ven máis futuro e tamén outras posibilidades na súa granxa. “Xa traballas con expectativas diferentes a nivel produtivo e sabes que non estás tan limitado polo problema de man de obra”, afirmou Efrén Francisco.
LELY, UNHA APOSTA SEGURA
A decisión de escoller Lely fronte a outras marcas e opcións baseouse no que eles observaban por aquel entón en canto a seguridade e resultados. “Na zona na que traballo estaba a ver que o robot de Lely funcionaba bastante ben e nós non nos podiamos arriscar: se a experiencia co robot non era boa, había que pechar”, puntualizou Francisco.
Cando empezaron a utilizar o robot para muxir os seus animais, comezaron cuns 55 durante a fase de adaptación e, o resto –naquel momento contaban con 75 exemplares–, na sala de muxido: “Con todo, chegamos a unha fase na que vimos que non era sustentable”, expresou Efrén, co cal, ao pouco tempo, decidiron pasar a muxir todas as vacas no robot.
O SEGUINTE PASO: OUTRO A4
“Levamos xa dous anos cun volume de animais que nos esixe moita man de obra, entón si que necesitamos outra cabina para conseguir máis muxidos. Agora mesmo os nosos exemplares teñen leite, pero o robot non dá abasto, así que necesitamos outro”, manifestou Efrén Francisco con respecto á decisión de instalar outro Astronaut.
Elixiron de novo o A4 porque están moi satisfeitos co que xa posúen, apenas lles dá avarías e ten un bo rendemento, ademais de que xa coñecen o seu funcionamento.
Coa implementación da segunda cabina buscan, principalmente, aumentar a súa produción e volver aos datos que presentaban hai xa máis de cinco anos, cando adquiriron a primeira unidade do A4: medias de 42, 43 e 44 litros por vaca e día.
AS VANTAXES DO MUXIDO CON ROBOT
En Campolongo puideron observar durante todos estes anos que vantaxes lles proporcionaba o uso do robot de muxido. Un dos aspectos que máis destacan é que as súas vacas están máis tranquilas, a pesar de que a produción é maior. Isto débese ao manexo do rabaño co sistema de tráfico libre, o cal tamén resulta beneficioso en termos de saúde.
Outra das vantaxes que detectaron son os datos individualizados que obteñen dos animais. Como veterinario, o máis novo da familia indicou que a información que recibes é 100 % útil e eficaz, xa que te podes adiantar ata en 12 ou en 24 horas ao diagnóstico dalgunha afección clínica, por exemplo, a mamite: “Isto non o poderiamos facer sen robot”. Así pois, se comezas o tratamento nunha fase inicial, mellores resultados obterás.
ALIMENTACIÓN, CAMAS, RECRÍA E XENÉTICA
A xestión doutros aspectos da granxa de maneira óptima tamén é clave para aproveitarse das vantaxes que nos proporciona o muxido robotizado.
Con respecto á alimentación, en Campolongo están agora con silo de herba e pensos. Normalmente, tamén traballan con silo de millo pero, neste momento, están a reservalo para cando instalen a outra cabina. Eles mesmos cultivan as forraxes. “Hai moitos parámetros a ter en conta para dar coa tecla clave na alimentación, pero eu o que vexo é que é complicado manter unha constante todo o ano aínda que sigas un patrón, porque as vacas non sempre están igual” –reflexionou Efrén sobre este tema–, “con todo, o punteo en robot é moi individualizado e permíteche traballar con cada exemplar dunha forma perfecta nese sentido”, engadiu.
Nas camas teñen unha mestura de carbonato con serraduras a partes iguais: “Actualmente, é o que mellor nos vai para as instalacións que temos, é o que nos está funcionando”.
“A recría é o futuro da granxa” –asegurou Efrén Francisco–, “canto mellor desenvolvas a recría, máis potencial de produción terás no robot”. Deste xeito, en Campolongo prestan grande atención a este aspecto do negocio. Tamén se centran moito na xenética ao buscar unha vaca equilibrada, de alta produción e cunha boa velocidade de muxido: “Cando te metes no mundo do robot, hai que conseguir o maior número de muxidos coa máquina que tes, co cal este parámetro é moi importante”, concluíu Efrén Francisco.