O PASO Á ROBOTIZACIÓN, CON LELY

O Lely Astronaut A5 triunfa nas explotacións galegas

Jesús Blanco, de Granxa Xustás, e Alberto Busto, de Cotelo Ameixenda, apostaron polos robots de Lely para facilitar o traballo e o día a día das súas ganderías e para aumentar o volume de produción. Nesta reportaxe, publicada en Vaca Pinta 36, ambos nos explican os beneficios que lles achegou o cambio e como viviron o proceso de adaptación ao modelo robotizado, cada día máis presente en Galicia.

GRANXA XUSTÁS

En Cospeito (Lugo), no corazón da Terra Chá, sitúase Granxa Xustás, da que é socio Jesús Blanco. Hai 6 anos que Blanco se incorporou a esta explotación, que leva en funcionamento 2 décadas.

Na actualidade están traballando con dúas unidades do Lely Astronaut A4, adquiridas hai cinco años, e un Lely Astronaut A5, co que funcionan desde 2022. Teñen entre 150 e 155 vacas en muxido, cunha media de produción de 45-47 litros por vaca e día e un medio que se aproxima aos tres muxidos diarios por animal.

“A ración é bastante forte para compensar os dous presebes”, explica Blanco. Traballan con 38 kg de silo de millo, con 8 kg de silo de herba e con 7,5 kg de concentrado en carro unifeed. A maiores, tamén están dando en robot unha media de 7,5 kg de penso por vaca e día.

Algo destacable desta explotación é que conta con animais bastante lonxevos; Jesús afirma que o truco disto é outorgarlles ás vacas unha alimentación balanceada e que conteña forraxes de calidade: “Se son de mala calidade, é difícil que poidas facer nada interesante co teu rabaño”, advirte Blanco. É importante tamén que en global os animais estean o mellor posible, é dicir, que dispoñan de boas camas, que o ambiente sexa idóneo, que a nave estea correctamente ventilada e que poidan moverse libremente en cada momento, factores que teñen en conta nesta gandería.

Antes de adquirir os robots, muxían nunha sala 2x10 de espiña de pescado. “Cando me incorporei, tiña xa claro que quería instalar os Lely Astronaut A4”, afirma Jesús. Esta decisión tomouse porque buscaban robotizar a nave e lograr un terceiro muxido e, por conseguinte, unha maior produción de leite. Outra das ideas que lles axudou a reafirmarse no cambio era buscar unha mellor saúde e benestar para os animais, conseguindo que estivesen máis cómodos e, polo tanto, fosen máis rendibles. Tras coñecer a experiencia con este sistema noutros negocios, decidiron dar o paso definitivo.

Tamén dan importancia en Granxa Xustás ao tráfico libre: “A nós non nos gusta o tema das portas selectoras, das mangas de manexo… Á parte, nunha explotación como esta, que era unha nave existente, criamos que o tráfico libre e, en concreto, os robots de Lely, se adaptaban moi ben para que a instalación fose o máis sinxela posible”, apunta o gandeiro. Ademais, as vacas poden así muxirse, comer e deitarse cando elas queiran, o cal xera unha harmonía no rabaño. A maiores, cabe subliñar que as máquinas teñen moitísimo tempo libre: un 27 % do día non están muxindo, o cal é un dato interesante pensando no crecemento da explotación no futuro.

MELLORAS SUBSTANCIAIS TRAS A INSTALACIÓN DOS ROBOTS DE LELY

Coa sala convencional, a media de produción andaba polos 35-36 litros por vaca e día, por tanto, o incremento é considerable: desde a montaxe dos Lely Astronaut A4 a súa produción aumentou en 10 litros diarios por animal, debido á subida do número de muxidos.

As vacas adaptáronse perfectamente ao cambio e, grazas á boa experiencia cos A4, en abril do ano pasado apostaron por comprar o A5. “A diferenza é que o A5 é un pouco máis rápido, menos ruidoso e cun consumo eléctrico menor”, asevera Jesús Blanco. Tamén resalta pola súa fiabilidade; o gandeiro, de feito, explica que, en ubres un pouco máis complexos, resolve mellor a situación que o A4. Outro dos puntos máis notables do A5 con respecto ao anterior é o selado, que é máis eficaz e preciso.

Esta explotación distribúese en dous parques diferenciados, tal e como nos explica Juan Alonso, técnico de Agrotec Entrecanales. Nun deles sitúase un dos dous Lely A4, nunha zona que conta con 84 cubículos que se distribúen entre vacas en lactación e vacas secas, e que tamén se usa como zona de preparto. Estas últimas, unha vez paridas, pasan ao robot e, despois de 100 días aproximadamente, móvense ao segundo parque.

Neste outro lote, que dispón duns 116 cubículos, está o segundo robot A4, xunto co A5. Mentres que o A4 está equipado con holding gates, o A5 ofrece un acceso libre para todas as vacas en calquera momento do día.

“Eu recomendaría un Lely por varios motivos: pola súa fiabilidade, porque para o gandeiro é fácil e sinxelo de manexar, e porque se adapta moi ben tanto a naves existentes como ás de nova construción”, afirma Jesús.

OUTROS DISPOSITIVOS LELY NA EXPLOTACIÓN

En Granxa Xustás non apostan unicamente polos modelos máis recentes do Lely Astronaut, senón que tamén optaron por adquirir o arrimador de comida Lely Juno, o Lely Meteor para o lavado das patas e os colares para a detección de ruminación, celo, inxestión e estrés por calor no rabaño, para así obter os mellores resultados posibles para a rendibilidade da explotación e para o benestar das vacas.

Lely Meteor é un sistema de lavado de patas traseiro e dianteiro; cando o animal entra ao robot, fai o lavado con auga e, ao saír, aplica o tratamento con produto desinfectante. No caso de Granxa Xustás, instalárono tanto nos A4 como no A5, con resultados moi satisfactorios en ambos. Úsano dous días á semana, martes e venres e, desde a súa posta en marcha, eliminaron por completo o baño de pezuños.

Respecto aos colares, Jesús conta que a información que obtén a través deles é fundamental. A ruminación é un dato moi importante, xa que cando un animal enferma, ou vai enfermar, o primeiro que fai é deixar de comer; por tanto, a caída de ruminación é un indicador básico de que se aveciña un problema. Grazas aos devanditos dispositivos, pódese saber isto con antelación e actuar de maneira preventiva o máis rápido posible. A detección de celos tamén é algo fundamental para calquera granxa e cos colares conséguese obter a información necesaria para a súa identificación temperá.

A maiores, cabe mencionar novamente que os Lely destacan pola súa fiabilidade. Nesta explotación móvense ao redor dos tres fallos por día, en momentos puntuais nos que as vacas están nerviosas, intranquilas ou se moven. Neste senso, a experiencia en Granxa Xustás verifica a fiabilidade do Lely Astronaut: cunha media de entre 150 e 155 vacas en muxido, e levando a cabo máis de 300 muxidos diarios, tres fallos por día é unha porcentaxe mínima. “Unha vaca fallada non quere dicir que non sexa unha vaca muxida, senón que nun momento concreto non se puido muxir, pero en 15 ou 20 minutos volverá e poderá facelo correctamente”, conclúe Juan Alonso.

 

COTELO AMEIXENDA

Alberto Busto, xunto con súa nai, é o propietario da explotación Cotelo Ameixenda, situada na parroquia de Pazos (Ponteceso, A Coruña). Contan con exemplares das razas frisona e Procross, das cales teñen 64 cabezas en muxido, sobre unhas 10 secas e 45 xovencas. Producen entre 2.400 e 2.500 litros de leite ao día. “A pesar de ter vacas duras, estamos facendo uns tres muxidos ao día por vaca, cunha media de 39 quilos/vaca/día”, aclara Alberto.

MÁIS CALIDADE DE VIDA COS ROBOTS

No ano 2018 construíron a súa actual nave, na cal instalaron un Lely Astronaut A3 que, hai un ano e medio, cambiaron por un A5. “Nas novas instalacións buscabamos corredores amplos para conseguir o mellor tráfico libre”, explica Busto. Nesta explotación teñen dúas áreas de separación: a zona con acceso ao robot e unha de parideira sen retorno á máquina para as vacas con algún problema e para as acabadas de parir.

Alberto conta que a granxa xa foi deseñada para usar un robot deste tipo. Buscaban chegar aos tres muxidos, xa que tiñan vacas que, aínda que non tivesen unha alta produción, si que estaban desaproveitando leite, así que non dubidaron en adquirir nun comezo o A3 e, posteriormente, o A5.

Tras o paso á robotización, inciden na mellora que experimentaron en canto a calidade de vida, xa que, ao ser só dúas persoas, non teñen posibilidade de establecer unhas quendas de traballo que permitan días de descanso. A maiores, remarcan que con este sistema as vacas teñen máis liberdade para establecer os seus propios costumes e rutinas, e elas mesmas van soas a muxirse.

Busto afirma que o que máis lles gusta do novo modelo é o brazo: “As tetoeiras non as tira ao chan e este, a diferenza do anterior, fai menos ruído e ten un menor custo enerxético; por tanto, é máis sustentable”. Aseguran que o A3 lles funcionaba moi ben, pero, ao querer movelo de localización para aproveitar mellor a distribución da granxa, decidiron cambiarse ao A5, “porque así mantiñamos os beneficios que xa tiñamos e, a maiores, conseguiamos as melloras do novo modelo”.

Outra das características que destacan do modelo máis actual é que o brazo, entre cada muxido, se calibra só, sen necesidade de ter que acudir eles a resolvelo. As patadas das vacas ás veces provocaban este problema e, no caso do A5, o seu brazo é robusto e fai que aguante calquera golpe que poida recibir dos animais.

En definitiva, o propietario da gandería afirma que recomendaría a marca por varias cuestións: en primeiro lugar, pola súa innegable fiabilidade; logo, porque non é un robot que requira solucionar fallos de forma constante e, finalmente, polo equipo técnico: “Do servizo posvenda destacaría a atención que nos proporcionan cando hai algunha avaría e a rapidez se xorde calquera problema que nós non poidamos solucionar”. De feito, conta que, despois de varios anos apostando por esta marca, os técnicos tiveron que acudir a Cotelo só nunha ocasión, algo que os propietarios valoran moi positivamente.

A AMAMANTADORA, TAMÉN DE LELY

Unha das tarefas diarias ás que máis importancia dan nesta gandería é a revisión da amamantadora, para verificar que todo estea funcionando correctamente e que os xatos fosen mamar. Empregan unha Lely Calm, a cal implementaron hai ano e medio, cando adquiriron o A5. Contan que lles resulta moi útil para non depender dos horarios das xatas e, ademais, está situada sobre unha estrutura de metal que evita que, ao lavala, se molle a palla.