Na localidade de Respaldiza, no concello de Ayala (Álava), atopámonos coa granxa Urruela. Os seus propietarios contan con dous Lely Astronaut A4 desde hai dez anos e, co transcurso do tempo, observaron que a eficiencia dos robots permanece intacta. Vémolo en Vaca Pinta 41.
Dez anos atrás, os socios de Urruela, unha gandería situada en Respaldiza, municipio de Ayala (Álava), empezaron a pensar en automatizar o muxido. Logo de realizar varias visitas a outras explotacións e valorar diversas opcións, finalmente escolleron o Lely Astronaut A4 e o tráfico libre que este asegura.
Enrique Urruela é un dos socios desta granxa, xunto coa súa muller, Ziortza López, e a súa irmá, Mila Urruela. Posúen máis de 170 cabezas na actualidade, con 100 vacas en muxido que producen unha media de 38 quilos/vaca/día. Cos dous A4 dos que dispoñen, están facendo unha media de 3,5 muxidos diarios, cunha porcentaxe de máis do 30 % de tempo libre.
Cabe resaltar que no ano 2020 se aventuraron nun novo proxecto familiar, que consistiu en abrir a súa propia queixería: Soloitza Gaztandegia. Así, gran parte do leite que producen transfórmano neste negocio propio: “Estamos facendo fincapé, sobre todo, no produto local”.
OS INICIOS DO TRÁFICO LIBRE EN URRUELA
A nave actual desta gandería construíuse no 2001, momento no que decidiron instalar unha sala de muxido de 2x8. Porén, co tempo, comezaron a cavilar en como mellorar.
Así, en 2010, tiveron a idea de automatizar o muxido. Sopesaron varias opcións e, en resumo, apostaron polo Lely Astronaut A4. “A base é que as vacas sempre teñen os robots accesibles, é dicir, tráfico libre. Fan o que queren e deixamos que as vacas sexan vacas”, expresou Enrique Urruela.
POR QUE ELIXIR LELY?
Urruela teno moi claro: “Logo de moitos anos de experiencia, eu recomendaríalles a outros gandeiros que se deixen asesorar por Lely e, sobre todo, que lles deixen ás vacas a súa propia liberdade e que non se dediquen a arrimalas. Isto é un erro gravísimo, porque as acostuman a que as teñan que levar ao robot”.
O socio da granxa tamén explicou que o segredo do robot é que diminúe a man de obra e mellora o estado dos animais. Outro dos aspectos que máis lles agradou deste sistema foi o descenso na porcentaxe de mamites que apreciaron cando se pasaron ao muxido robotizado con Lely: “Antes sempre tiñamos unha porcentaxe de entre un 5 e un 10 % de mamites e agora levamos meses sen ningunha”.
“Moita xente vén aquí pola queixería e sorpréndeos o tráfico libre, ver que as vacas interactúan coa máquina completamente”, contou Enrique Urruela. Isto débese a que o robot está pensado para os animais, para que sexa algo seu e que non teñan que forzalos a ir a muxirse. Por tanto, van con toda liberdade e sen ningún tipo de problema, o que desemboca nun número de rexeitamentos practicamente nulo. “Ao final, está deseñado para eles e para o seu benestar, non para o gandeiro”, indicou.
A EFICACIA DOS ASTRONAUT PERDURA NO TEMPO
Os Farm Management Support (FMS) de Lely acompañan e asesoran aos gandeiros antes, durante e despois da instalación dos robots. Guiomar Aguilar, FMS de Lely no País Vasco, explicou que para a compañía é moi importante que á xente lle vaia ben.
“A miúdo nos preguntan como funciona un A5. Porén, tamén nos gusta ensinar un A4 e incluso un A3 despois de moitos anos de uso”, relatou Aguilar. Nesta explotación pódese ver claramente: dispoñen de dous A4 desde hai 10 anos e a efectividade dos robots mantívose intacta a pesar do paso do tempo. Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña, expúxoo así: “Esta é a maneira que temos de contrastar como operan as máquinas. A aposta é segura con calquera Astronaut”.
Actualmente, moita xente demanda robots rehabilitados para as súas explotacións. En Lely traballan con A3 e A4 reacondicionados, aos cales aplican moitas das últimas novidades do A5. “Ao final, a clave é que todos son Lely Astronaut”, apuntou Unai Etxaiz.
Co software de xestión Lely Horizon obsérvase o número de fallos dos robots, xa sexa un A5, un A4 ou un A3: “Todos están entre 0 e 5 fallos. Para nós é vital a fiabilidade dos Astronaut e que non haxa interacción humana, é dicir, non ter que poñer ningunha tetoeira a man”, aseverou a FMS.
OUTROS DISPOSITIVOS DE LELY
Ademais dos Astronaut, esta marca ofrécelles aos gandeiros ferramentas e recursos adicionais para facilitar o seu día a día e as tarefas que deben levar a cabo nas granxas. Unha delas é o Lely Horizon, unha aplicación de xestión de ganderías.
“Agora que está tan de moda a intelixencia artificial, cabe destacar que Lely Horizon é unha ferramenta de traballo que tamén nos asesora e nos dá consellos”, apuntou Guiomar. Así pois, este programa, ao analizar varios parámetros, dá recomendacións como as de non inseminar ou muxir con menor frecuencia a algún exemplar. Tamén achega datos económicos, como a marxe por vaca.
O Lely Vector é outro dos dispositivos que a compañía lles ofrece aos seus clientes, co cal se pode saber con exactitude cal é o custo de alimentación por vaca e día e a eficiencia da alimentación. Por último, esta marca tamén conta cun arrimador de comida, o Lely Juno, que en Urruela xa está en marcha.
Unai Etxaiz aclarou que desde Lely potencian o éxito económico, un aspecto primordial en todas as explotacións, ao diminuír a man de obra, mellorar a vida social do gandeiro e prestarlles atención ás protagonistas, as vacas, para mellorar ao máximo o seu benestar: “Se a todos lles vai ben, todos gañamos”, concluíu.