O Institut Cerdà sinala o leite Opti+Plus de Río de Galicia como unha das mellores innovacións do mercado do gran consumo español

O Grupo Lence está de noraboa: o leite Opti+Plus de Río de Galicia foi escollido entre os casos de éxito da sexta edición do Observatorio de Innovación do Gran Consumo en España, dependente do Institut Cerdà.

Trátase do primeiro leite reducido en azucre do gran consumo nacional, algo que se logra grazas a un proceso de ultrafiltración, mediante o cal se concentran os nutrientes esenciais do leite (previamente desnatado), á vez que se reduce a lactosa. Como parte do proceso, engádese a encima lactasa, para que poida ser apto para intolerantes, e a vitamina D, un nutriente naturalmente presente no leite que, ao ser liposoluble, se perde durante o proceso de eliminación de nata.

Como resultado deste proceso, Opti+Plus ten un 25 % menos de azucre, o dobre de vitamina D, un 60 % máis de proteína e un 40 % máis de calcio respecto do leite desnatado convencional. Ademais, o leite Opti+Plus procede de granxas certificadas en benestar animal e, ao estar reducido en azucre, non só ten unhas propiedades nutricionais singulares, senón que tamén mantén un sabor máis próximo ao leite desnatado tradicional.