O exenñeiro agrícola como profesional do sector pretende ter máis presenza no rural e busca conseguir unha relación próxima cos gandeiros, tanto de grandes como pequenas explotacións. Así mesmo, está en formación continua para ofrecer o mellor asesoramento, elaborar informes, proxectos e estudos de todo tipo e acompañar aos traballadores do agro. En Vaca Pinta 28 repasamos cos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrícolas de Lugo, Ourense e A Coruña a importancia destes expertos no sector.
O “perito agrícola”, co paso dos anos, abriulle o camiño ao enxeñeiro técnico agrícola, que ten as súas orixes na Escola Central de Agricultura de Aranxuez de 1855. A titulación foi evolucionando ata converterse na actualidade na graduación en Enxeñería Agrícola, título universitario que lles proporciona aos seus técnicos unha gran versatilidade no mercado laboral, debido ás súas moi amplas atribucións. A súa función principal xira en torno ao desenvolvemento do medio rural, da agricultura, da gandería e das relacións entre as persoas e o territorio. Así mesmo, estudan e divulgan o coñecemento científico que se produce e pon en práctica mediante a realización e dirección de proxectos prácticos. O seu labor ten unha forte repercusión no desenvolvemento sustentable do medio rural, posto que os seus coñecementos avanzados viran ao redor de como producir alimentos de alta calidade e coidar o medio no que se producen.
O enxeñeiro agrícola é o técnico máis idóneo para asesorar, informar e proxectar onde sexa necesario desenvolver un vínculo entre a terra e a produción de alimentos. Hai que destacar que atopar o equilibrio entre producir de maneira sustentable e non degradar é unha tarefa moi complexa, a cal require unha visión ampla sobre o manexo do chan como elemento vivo. As titulacións vinculadas a esta materia adquiren coñecementos suficientes para axudar na toma de decisións relacionadas cos devanditos aspectos.
Este profesional está ao servizo de todas as persoas que traballan no campo, tanto para os que teñen unha explotación (grande, pequena ou intermedia) como para a industria. O seu obxectivo é ser útiles para os traballadores e estar en contacto con eles. Entre os seus labores principais están asesorar, acompañar e realizar estudos, informes e proxectos relacionados coas necesidades do agro. Ademais, prepáranse para axudar a todas esas persoas que deciden desenvolver un proxecto no rural, independentemente do tamaño: “Para min é tan válido o que ten algo relacionado coa agricultura a tempo parcial como o que se dedica de forma completa, posto que ambos ocupan territorio susceptible de ser abandonado. Nós non nos esquecemos de ninguén”, apunta o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez Marey.
Outro dos fins é conseguir unha relación próxima cos granxeiros. Estes profesionais son persoas con capacidades, coñecementos e habilidades que complementan as necesidades que hai nas explotacións. “O que quero é que a xente vexa en nós un recurso para moitos ámbitos dos seus labores, non só para tramitar unha axuda ou conseguir unha licenza. Queremos ir moito máis alá, ser útiles e que se nos sinta útiles”, recalca Vázquez.
A formación dos colexiados é outro dos labores que levan a cabo. Actualmente estanse preparando para asesorar e traballar na crise enerxética que se aveciña, pondo en marcha formacións con aspectos relacionados coas enerxías do futuro. “Seguramente sexa un campo necesario onde desenvolver ideas e proxectos que sexan útiles para a sociedade e para que a xente non abandone o campo, por non ser capaces de asumir os custos da enerxía”, comenta. Así mesmo, esta non é a única área que están a impartir na actualidade, senón que tamén estudan temas relacionados coa sanidade vexetal. Por mor da pandemia, as aulas virtuais potenciáronse e isto permite que poidan acceder a todo tipo de clases que ofrecen desde o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España.
Os traballos máis frecuentes
Valoración e topografía
Transaccións de seguros agrarios
Valoración de leiras, construcións e industrias agrarias
Partición de leiras e reformulacións
Medición de leiras, levantamentos topográficos
Valoración de cultivos e danos a estes
Valoración de gandos e explotacións cinexéticas
Industrias agrarias e alimentarias
Muíños e extractoras de aceite
Matadoiros, salas de despezamento, fábricas de embutidos, conservas cárnicas, almacéns frigoríficos
Conservas vexetais, plantas de refrixeración e conxelación de produtos hortofrutícolas e centros de manipulación de produtos agrarios
Industrias lácteas e os seus derivados
Fabricación de queixos, panadería e pastelaría
Aderezo de olivas, encurtidos
Fabricación de produtos de muíño
Industrias do azucre, café, cacao e os seus derivados
Elaboración de produtos alimenticios diversos
Adegas, elaboración, embotellado e crianza de viños e licores
Ordenación do territorio e medio ambiente
Camiños, vías rurais, parques e xardíns
Ordenación de chans e paisaxismo
Estudos de impacto ambiental
Aproveitamento e reciclaxe de residuos
Recuperación e conservación de espazos naturais
Defensas antierosión
Regadíos
Transformacións en regadío
Iluminación e prospección de augas
Represas, balsas, estanques, canles e gabias
Saneamentos e drenaxes
Condución de auga
Almacenamento e nivelación
Estudos de posta en regadío
Construcións
Proxectos de instalacións rurais
Proxectos de electrificación rural
Instalacións gandeiras
Invernadoiros, silos, almacéns, peches e depuradoras
Campos deportivos
Desalgadoras e desalinizadoras
Instalación de xardinería
Dirección de explotacións agrarias
Planificación e ordenación de explotacións
Dirección de empresas agrarias
Xestión de cooperativas
Proxectos de explotacións
Plantacións froiteiras
Cultivos forzados, invernadoiros, túneles...
Cultivos hidropónicos
Floricultura e plantas ornamentais, aromáticas e medicinais
Melloras de chans
Tratamentos fitosanitarios e control integrado
Produción e mellora de sementes e plantas de viveiro
Planificación e xestión de explotacións gandeiras
Comercialización e control de calidade
Agrometeoroloxía
Realización de ensaios
Análise de chans, augas e foliares
Asesoramento e xestión de subvencións
Mecanización agraria
Proxectos de máquinas agrícolas
Proxectos de reforma de máquinas agrícolas
Valoración de máquinas
Asesoramento na elección das máquinas
Xestión de parques de máquinas
Avaliación de custos de máquinas