A terceira edición dos International Zendal Awards conta cun incremento da contía e incorpora unha mención especial para aquelas iniciativas centradas en One Health. Ademais, concederase unha homenaxe especial a unha traxectoria científica.
O grupo Zendal abriu a convocatoria desta edición para que os equipos de investigación poidan presentar os seus traballos nas áreas de saúde animal, cuxo premio será de 25.000 euros, unha contía superior á de anteriores edicións.
Os premios diríxense tanto a institucións públicas como privadas, que demostrasen compromiso en ámbitos como a biotecnoloxía ou a vacunoloxía. Para a súa concesión, valorarase a calidade científico-técnica das iniciativas e a súa viabilidade e aplicabilidade. Terán especial relevancia as candidaturas que realizasen achegas considerables en investigación biomédica, transferencia de coñecemento e innovación social e a saúde.
Os galardóns deberán ser reinvestidos no proxecto premiado, co obxectivo de seguir avanzando en actuacións que melloren a saúde da poboación.
As institucións interesadas poden presentar os seus proxectos a través da páxina web ata o 3 de outubro.