A agricultura camiña cara a unha produción máis respectuosa e sustentable, coa aprobación de novas normativas cada vez máis esixentes en materia de biodiversidade e medio ambiente. Neste contexto, e de cara a un futuro cada vez máis restritivo cos fertilizantes e fitosanitarios, o Grupo Soaga adiántase co lanzamento de dous novos produtos bioestimulantes a base de microorganismos en solución: Nitrofix e Liberplus.
Estas biosolucións están ideadas para reducir e substituír parcialmente os fertilizantes nitroxenados e fosforados e, ademais, achegan outros beneficios que van máis aló da suplementación de nutrientes, como por exemplo a produción de fitohormonas que estimulan o crecemento, o enriquecemento da diversidade do chan ou a compatibilidade de aplicación cos herbicidas.
Ambos os estimulantes naturais forman parte da nova gama de produtos de última xeración Fertimón Tech e comparten a mesma formulación líquida con bacterias vivas e viables, sen esporas liofilizadas. Isto facilita a súa aplicación e proliferación no campo, favorecendo unha colonización máis rápida que outros produtos similares do mercado.
Ademais, son compatibles coa maioría dos herbicidas sen que iso afecte á supervivencia das bacterias. Isto permite un aforro de custos á hora da aplicación en campo, xa que na mesma pasada de tractor ou maquinaria de pulverización utilizada se poden aplicar mesturados o herbicida e o bioestimulante.