Grupo Lence, empresa 100 % galega, recibiu na súa sede de Lugo ao comisionado do Perte Agroalimentario. Galo Gutiérrez, director da Oficina Técnica do comisionado do Perte Agroalimentario do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (Mincotur), puido coñecer de primeira man SmarTZ4milk, proxecto tractor promovido polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e liderado polo Grupo Lence, que opta ao Perte Agroalimentario dende Galicia.
O obxectivo de SmarTZ4milk é modernizar a actual cadea de produción, transformación e distribución da industria láctea para dotala de ferramentas de competitividade baseadas na tecnoloxía e a sustenibilidade. Para logralo, integra a 9 empresas do sector lácteo, 5 tecnolóxicas, dúas universidades e dous centros tecnolóxicos procedentes de 10 comunidades autónomas diferentes. Entre todas as rexións, destaca Galicia, que presenta maior volume de inversión e representación nesta candidatura ao Perte. O presuposto global do proxecto supera os 25 millóns de euros.
A visita tamén contou coa participación de Santiago Álvarez, responsable da Oficina de Proxectos Tractores e Atracción de Inversións do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); Roberto Alonso, director de Clusaga; Carmen Lence, CEO do Grupo Lence, e os representantes das empresas que integran o consorcio do proxecto.