Jordi Erra é o propietario da gandería Can Soca, que se sitúa en Calldetenes, comarca de Osona e provincia de Barcelona. Nesta explotación, que é recoñecida dentro do sector pola súa frecuente presenza en concursos morfolóxicos, dispoñen de dous robots Lely Astronaut A5 desde hai xa dous anos. Contámolo en Vaca Pinta 41.
Os robots de muxido A5 son unha aposta clara para moitas explotacións de toda a península ibérica. Un exemplo disto é a de Jordi Erra, único propietario de Can Soca, en Calldetenes, comarca de Osona (Barcelona). Hai dous anos que adquiriu dous A5.
Erra dispón de 240 cabezas –100 xatas e 140 vacas–, das cales hai 110 en muxidura. Actualmente produce unha media de 42 litros/vaca/día, aínda que este verán, coa excesiva calor, notou un pequeno descenso. En canto a calidades, atópase nun 3,30 % de proteína e nun 3,70 % de graxa. Para levar a cabo todas as tarefas da granxa, conta coa axuda de varios traballadores.
OS INICIOS: O PRIMEIRO ROBOT E SALA
Cando en Can Soca se decidiu mercar o primeiro A5, compaxinaron durante un tempo a muxidura en robot coa de sala, xa que o número de exemplares era demasiado elevado como para poder xestionalo cunha soa unidade do Astronaut.
Xa desde o principio, Erra notou rapidamente que a produción de leite ía en aumento con este novo sistema, que non baixaban de 3 muxidos en ningún momento e que conseguían chegar mesmo a unha media de 3,4. “Alcanzamos os 45 litros/vaca/día no pleno verán. É certo que por aquel entón tiñamos boa comida e nestes últimos anos non é así debido á seca”. Comezaron con 50 vacas en robot, pero grazas ás boas sensacións e aos resultados que estaban observando, axiña aumentaron a cifra a 75. Pouco despois, decidiron instalar o outro robot.
O TRÁFICO LIBRE, RAZÓN DE PESO PARA OPTAR POR LELY
Son varios os motivos polos cales Jordi Erra adquiriu estes robots e os beneficios que percibiu ao longo destes anos reafirman que a súa elección foi a correcta: “De momento vai fantástico, moi ben. Aforras moito traballo”.
Erra explicou que un dos aspectos máis importantes polos que se decantou por Lely en contraposición a outras marcas e opcións foi o feito de como funciona o Astronaut no momento da muxidura: “Vai seguindo á vaca: non importa se está máis cara diante ou máis cara atrás; polo tanto, o ubre cólleo moito mellor”. Tamén destacou en positivo que aos animais non lles aperta para nada.
Outra das causas polas que apostou por esta marca foi o tráfico libre. O propietario aseverou que non quería obrigar as vacas a que tivesen que beber auga ou comer para muxirse. “Aínda alucino cando vexo que, por exemplo, están comendo, ven o robot baleiro, e de golpe van muxirse soas. Van cando queren”, confesou. Ademais, anotou que con este método non se xera ningún tipo de competencia entre elas á hora de ir á muxidura. “Non se amontoan, é algo moi curioso”.
O BENESTAR DOS ANIMAIS EN ÉPOCAS CALOROSAS
“En Lely sempre dicimos que as protagonistas son as vacas e nos días de calor, que se pode chegar ata os 40 ºC, temos que pensar que podemos facer por elas”, expuxo Guiomar Aguilar, Farm Management Support (FMS) de Lely.
Co uso do colar, que mide diversos parámetros –entre eles, o estrés–, en Can Soca poden saber facilmente cando actuar en épocas calorosas: “Proporciónanos información sobre aqueles exemplares que requiren da nosa atención ao medir a dificultade respiratoria do animal”, indicou Aguilar.
É moi importante que as vacas se sintan frescas e que non estean expostas a altas temperaturas e en pleno sol, para así evitar que sufran de estrés por calor. A FMS explicouno claramente: “Se tivésemos que levalas a muxirse a un lugar externo, por exemplo, a uns 100 metros en batch milking, estarían sometidas a moitísimo máis estrés e podería haber bullying animal. Polo tanto, a filosofía de Lely consiste en levarlles o muxido ás vacas, e non as vacas ao muxido”.
Durante o verán, o uso de ventiladores é importante para axudar ao arrefriamento, o que se complementa cos principios da compañía. “O que lles convén ás vacas é ter todo preto, o muxido incluído, e non ter que levalas lonxe. Hai que pensar nos animais para que nós tamén consigamos uns bos resultados. O que é mellor para a vaca vai ser sempre mellor para o gandeiro”, asegurou a FMS.
Guiomar Aguilar manifestou que “en Lely cremos que hai que deixar as vacas ser vacas. Son animais de rabaño e hai que intentar que estean o máis tranquilas posible”.
A FIABILIDADE, OUTRO ASPECTO CLAVE
“Para nós, como marca, o robot sempre ten que ter cero fallos ou menos de cinco. É a mesma máquina en todas as partes do mundo e as vacas sempre son vacas”, relatou Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña.
Jordi Erra está satisfeito coa fiabilidade dos seus A5: “Aquí levaba moitísimo tempo sen ter nin un fallo. Hoxe tivemos un polo exceso de calor, pero foi algo excepcional”. O propietario resalta que ese animal que fallou volverá ao robot un pouco máis tarde e muxirase igualmente: “Non é necesario que vaia eu detrás da vaca a conectala”.
“Invitámosvos a todos desde Cataluña a que coñezades de preto como é unha gandería Lely: esperámosvos en Can Soca”, concluíu Camilo Gutiérrez, delegado de vendas de Lely en Cataluña.
UNHAS VACAS DE CONCURSO
Can Soca participa habitualmente en concursos morfolóxicos. Por tanto, os exemplares brillan polo seu alto nivel xenético, o cal se ve reflectido en que, por exemplo, posúen un fluxo de muxido alto pero, ao mesmo tempo, en moitos casos dispoñen de ubres difíciles de conectar e moi altos, ou de tetos pequenos ou invertidos. “É incrible como o A5 se adapta a isto tan ben en comparación con outros robots, que son máis fixos”, contou o propietario da gandería.