A aposta por reforzar a súa presenza no rural, así como por adaptarse ás necesidades específicas dos negocios agrogandeiros, marcan a estratexia de actuación de Banco Santander. Cóntano neste artigo publicado en Vaca Pinta 41.
SANTIAGO RUIZ
Responsable do Sector Agroalimentario do Santander en Asturias e Cantabria
A banca en xeral estase retraendo un pouco no que a presenza no rural se refire, pero no Santander temos un firme compromiso con eles, con manter as oficinas e con dar formación a aqueles que necesiten aprender a usar ferramentas como os caixeiros automáticos ou as apps bancarias.
Banco Santander non só presta diñeiro a gandeiros e agricultores, senón tamén servizos, como pode ser cumprimentar a solicitude da PAC, trámite que realizamos de maneira gratuíta; adiantar o anticipo da PAC, ou facilitar o caderno de campo dixital, que será obrigatorio a partir do ano que vén.
Levamos 30 anos traballando de preto cos integrantes do sector produtor, xa que non hai mellor maneira de saber que necesidades teñen e como podemos adaptarnos ao que nos solicitan. O banco está a apostar forte neste sentido e quéreo seguir facendo.
.
AGAPITO FERNÁNDEZ
SAT Ceceño (Valdáliga, Cantabria)
Propietario de Llinde Ariel Jordan, vaca gran campiona nacional
A nosa é unha granxa familiar típica da cornixa. Herdeina do meu pai que, á súa vez, a herdou dunhas tías. Fíxenme cargo dela profesionalmente no ano 2000, aínda que sempre estiven vinculado á gandería.
Asistín a concursos frisóns desde que era neno e ía co meu pai. Para un gandeiro coma min, ao que sempre lle gustaron as vacas e que traballou moito con elas, ter a sorte de ter unha produtora tan relevante como Llinde Ariel Jordan, que foi nomeada catro veces vaca gran campiona nacional, é un orgullo.
Con Banco Santander xa tiñamos relación cando eran Banesto, e na absorción seguimos vinculados. Agora mesmo estamos pendentes de ampliar con eles a conta de crédito e temos dous financiamentos abertos: un de placas solares, que puxemos recentemente, e outro de aplicador de xurros, que temos desde hai un par de anos.
En xeral, vexo que ultimamente o Santander se está a involucrar moito co agro. Están a levar a cabo un bo labor e creo que a súa é unha gran aposta.
.
JOSÉ CARLOS FERNÁNDEZ
Ganadería Casa Venturo (Salas, Asturias)
Propietario de Venturo Happen Rosani, xovenca gran campiona nacional
Herdei a nosa gandería dos meus pais. Empezamos no ano 1996 con 13 vacas e 4 xatas. A partir de aí, fomos aumentando. Fixemos unha nave en 1999 e outra en 2006. Máis recentemente, coa incorporación da miña filla en 2014, pasámonos á nave actual e, xa en 2017, fixemos unha pequena ampliación coa incorporación de Germán, o meu xenro.
Para todo iso, requirimos de servizos financeiros, de plans de mellora (a través da Consellería de Medio Rural) e tamén de subvencións para novas incorporacións.
Do labor do Santander dentro do noso sector valoro a proximidade das oficinas e, ademais, que nelas haxa persoal que atenda a unha poboación que aquí, en Asturias, é cada vez máis envellecida e á que lle resulta moi difícil funcionar con aparellos como os caixeiros automáticos.
Este é un sector con altibaixos, pero sempre estivo e ten que seguir aquí. Para iso, requírese financiamento: necesítanse recursos para poder continuar. Despois de todo, é importante non perder de vista a nosa función na sociedade: somos os que producimos para que todos coman.