Durán Maquinaria convértese no importador de Pöttinger para Portugal

Durán Maquinaria Agrícola acaba de facer público que será o novo importador en exclusiva da marca Pöttinger para Portugal.

Con sede central na localidade de Grieskirchen (Austria), Pöttinger está presente no mercado da maquinaria agrícola desde 1871, especializándose, a partir dos anos 60, no ámbito da forraxe, e converténdose en 1963 no maior fabricante de remolques autocargadores do mundo.

A día de hoxe, Pöttinger focaliza o seu traballo no desenvolvemento de produtos sostibles e innovadores para forraxe (segadoras, remolques autocargadores e rotoempacadoras) e cultivo de chan (arados, cultivadores, bancadas de discos e rotativas e sembradoras), que brindan ao agricultor calidade e estabilidade no tempo. A proximidade co cliente xunto á eficacia de custos e eficiencia constitúen os principios nos que se basea o éxito da entidade.

Durán Maquinaria Agrícola é o importador exclusivo da marca en España desde 1993 e, tras 28 anos de experiencia e traballo en común, Durán apostou agora por ofrecer todos os servizos e produtos de Pöttinger en Portugal, afianzando así a súa presenza en todo o territorio peninsular.

REFERENCIA NO SECTOR

Actualmente Durán Maquinaria é referencia no sector da maquinaria agrícola, mantén un total de cinco delegacións propias -Lugo, Mesía (A Coruña), Tineo (Asturias), Valladolid e Lleida- e unha rede de distribuidores salpicados por toda a xeografía española.

Ademais de Pöttinger, cuxa gama inclúe equipos de recolección de forraxe, de preparación do chan e de sementeira, Durán Maquinaria Agrícola conta coa importación exclusiva e distribución para todo o territorio nacional doutras marcas de referencia no mercado, tales como McHale, especializada en rotoempacadoras, encintadoras e segadoras; Pichon e Samson, que fabrican cubas e esparcidores para fertilización líquida e sólida, respectivamente, e cargadoras articuladas; AGM, que ofrece carros mesturadores verticais autopropulsados e arrastrados; Mastek, especializada en aplicadores de barras para fertilización; DCM, fabricante de abonadores, ou Reiter, centrado en pick up fileiradores. A estas súmanse Kemper e IDASS, especializadas en cabezais para recolección de forraxes, e APV, de sembradoras neumáticas.

A maiores, Durán é o distribuidor exclusivo das picadoras de forraxe New Holland en España.

Todos os produtos ofertados están dirixidos tanto a grandes cooperativas e empresas de servizos como a agricultores e gandeiros a título individual.