DeLaval culminou a maior ampliación na historia de Hamra Farm, a súa granxa de referencia en Tumba (Suecia), que actúa como centro de muxido, investigación e formación. Coas novas instalacións, a explotación case duplica o número de vacas en muxido, de 260 a 550, e supera xa o milleiro de animais en total.
A ampliación, de 12.000 m², inclúe tres novos establos: un para xestación e xatas, outro para xovencas e un establo VMS que tamén funciona como centro de visitantes e que integra catro sistemas DeLaval VMS™ V310 e un VMS™ V300. Ademais, renovouse o establo orixinal para vacas secas e ampliouse a zona de I+D, que agora pode albergar 165 animais.
O benestar animal foi a prioridade do proxecto. A distribución de espazos, a ventilación, as camas e os cepillos rotatorios deseñáronse para maximizar o confort, mentres que as tecnoloxías dixitais permiten un seguimento avanzado da saúde e do comportamento do rabaño. Entre elas destacan os modelos predictivos de risco sanitario baseados en intelixencia artificial, contadores automáticos de células somáticas e ferramentas de análise da actividade, ruminación e alimentación.
Paul Löfgren, presidente e CEO de DeLaval, destacou que Hamra Farm “combina o legado histórico cun futuro definido pola sustentabilidade e a integración tecnolóxica”. Pola súa parte, Johan Bjurevall, director xeral da granxa, subliñou que a ampliación “crea as condicións óptimas para os animais e permite mellorar a eficiencia e produtividade, ao tempo que serve de inspiración a outros gandeiros”.
Hamra Farm, adquirida por Gustaf de Laval hai máis de 130 anos, segue a ser o corazón da compañía e unha das explotacións leiteiras máis produtivas de Suecia.