Delagro lanza Ferplan, unha nova ferramenta para deseñar os plans de fertilización

Ante a obrigatoriedade das novas medidas europeas en materia de fertilizantes, Delagro quixo adiantarse e lanzará a finais de novembro o sistema Ferplan. Esta ferramenta nace co obxectivo de transformar a forma na que se deseñan os plans de fertilización e que así os nutrientes se apliquen de forma máis eficiente, unicamente onde exista a necesidade e onde se vaia a xerar un impacto positivo no cultivo e, tamén, no medio ambiente.

Un grupo de especialistas da cooperativa de segundo grao envorcouse no desenvolvemento desta tecnoloxía, que axudará a agricultores, gandeiros e técnicos a adaptarse ás novas obrigacións e a levar á práctica dunha maneira sinxela os cambios lexislativos en materia de fertilizantes. Este sistema mantén a filosofía de aplicar aos cultivos só os produtos necesarios e no momento preciso, establecendo un uso cada vez máis eficiente dos recursos. Así mesmo, Ferplan facilitará os trámites administrativos da PAC, como a elaboración do plan de abonado ou a actualización do caderno de explotación.