Delagro celebrou en Vilalba a súa asemblea xeral anual

Delagro celebrou en Vilalba a súa asemblea xeral anual

O Hotel Spa Attica 21 de Vilalba (Lugo) acolleu no día de onte a asemblea xeral anual de Delagro, encontro no que se deron cita representantes das cooperativas socias e no que se levou a cabo a presentación de contas e a memoria de actividades de 2022. Así, no exercicio anterior, a compañía logrou manter a estela de crecemento de outros anos e pechar cun balance positivo. Agora, afronta con confianza os novos retos que se presentan este ano nun contexto de mercado protagonizado polo repunte histórico de prezos das materias primas, enerxía ou carburantes e, especialmente, dos fertilizantes.

Daniel Ferreiro, presidente de Delagro, explicou que estes resultados débense a unha sólida planificación que atopou na adquisición anticipada e a diversificación de provedores, os seus maiores aliados, para facer fronte ás fluctuacións do mercado: "Os resultados obtidos poñen de manifesto que Delagro é unha organización resiliente e audaz, cunha profunda capacidade de adaptación ao cambio, incluso nos escenarios máis adversos".

Outro dos temas abordados foi o contexto lexislativo en España, que estivo marcado pola introdución de novos requerimentos en materia de sustentabilidade, tanto no ámbito da nutrición dos solos como no uso dos produtos fitosanitarios. Así, co obxectivo de contribuír a que os seus asociados deran os pasos necesarios no cumprimento da nova normativa, Delagro realizou dous importantes lanzamentos: Ferplan e Blue Star.

A maiores, a compañía iniciou o ano pasado un proceso de transición a nivel organizativo e seguiu apoiando ás cooperativas socias no seu camiño cara a dixitalización e a maior eficiencia nos seus procesos e procedementos administrativos. A este respecto, o director financeiro de Delagro, Martín Díaz, destacou que o crecemento mantívose con respecto a anteriores anos a pesar da complexidade do escenario político e económico. Finalmente, outra das firmes apostas da cooperativa de segundo grao foi seguir avanzando no seu Plan de Igualdade de Oportunidades.