Delagro celebrou a semana pasada a súa asemblea xeral anual presencialmente no Hotel Spa Attica 21 de Vilalba (Lugo) á que acudiron representantes das cooperativas socias. Nela, levouse a cabo a presentación de contas, compartíronse os datos económicos e a memoria de actividades do exercicio 2021, destacando os fitos máis relevantes do ano.
Desde a dirección xeral, destacaron “os magníficos resultados en Galicia en materias primas, premesturas, plásticos e hixiene de muxido”. Ademais, resaltaron un resultado histórico na venda de combustibles en Asturias e en Galicia, así como en compras de pensos ás cooperativas socias e colaboradores, ao poder situarse nuns niveis de prezo que supuxeron un referente a nivel nacional e internacional.
Carlos Castro, director xeral de Delagro, explicou que 2021 foi un ano récord en volume de negocio e de cantidades, e cuns "excelentes resultados por parte da nosa estratexia de compras".
Así mesmo, Delagro pecha o mellor ano de venda de fertilizantes ao ofrecer prezos moi competitivos durante toda a campaña desde que a planta de produción e envasado das Pontes de García Rodríguez comezou a operar, a pesar do incremento dos prezos das materias primas.
Dixitalización e igualdade
Durante a asemblea, subliñaron a importancia para a empresa de apostar pola dixitalización. Neste sentido, púxose en marcha DelagrOS, un software propio (ERP) deseñado para o aforro de custos e eficiencia en procesos administrativos nas cooperativas CLUN e El Plantel. Ademais, en 2021 lanzouse unha nova páxina web corporativa cunha imaxe máis moderna e contido actualizado, que inclúe unha versión en portugués.
O último que se quixo poñer en valor durante o evento foi a aprobación do primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades de Delagro, un proxecto que se desenvolverá durante o próximos catro anos co obxectivo de impulsar medidas que garantan de maneira efectiva a igualdade e a equidade entre homes e mulleres.