De Heus, recoñecida como Mellor Empresa de Nutrición Animal nos premios á Excelencia Empresarial

De Heus Nutrición Animal recibiu onte o Premio á Excelencia Empresarial como Mellor Empresa de Nutrición Animal nun acto organizado polo diario La Razón en Madrid. Desde a compañía destacan que este recoñecemento é froito “dun gran traballo en equipo e un esforzo constante por contribuír á innovación e á sustentabilidade do sector gandeiro”.

O director do diario La Razón, Francisco Marhuenda, foi o encargado de facerlle entrega do galardón ao director xeral de De Heus Iberia, Jean-François Honoré, nun acto no que puxo en valor a aposta da compañía pola alimentación responsable, a calidade dos seus produtos e o seu papel fundamental no bo funcionamento da  cadea de subministración.

Nas súas palabras de agradecemento, Honoré quixo destacar o esforzo e a motivación de todo o equipo, así como a confianza depositada na compañía polos seus máis de 4.300 clientes directos, gandeiros e distribuidores. “O máis gratificante do noso día a día é ver crecer e prosperar os nosos clientes. Un impulso que nos axuda a seguir traballando por un sector primario viable, eficiente e responsable co medio ambiente”.

Ademais, o director xeral subliñou que “ser distinguidos como a Mellor Empresa de Nutrición Animal despois dun ano tan desafiante como o que acabamos de deixar atrás, supón un recoñecemento á nosa contribución para que a produción de alimentos se mantivese coa calidade e eficiencia de sempre, mesmo nos peores momentos da pandemia”.

Máis información no comunicado de prensa da compañía