De Heus acada o fito dos 10 millóns de toneladas de penso producidos nun ano

De Heus Nutrición Animal alcanzou o fito dos 10 millóns de toneladas producidos globalmente nun ano por primeira vez nos seus 110 anos de historia e, ademais, antes de finais deste ano prevén superar os 12 millóns de toneladas.

Desde a compañía queren agradecer a confianza mostrada polos seus clientes ao redor do mundo e tamén o esforzo de todos os seus empregados, os dous alicerces sobre os que se sustenta a marca alcanzada.

Os CEOs de De Heus apuntan que é un gran momento para mirar cara ao futuro e contemplar como se relaciona este acontecemento coa súa misión como empresa. Antes de facelo consideran que sería apropiado pensar en que isto se produce nun contexto de importantes problemas políticos e sociais en todo o mundo: “Algúns dos países nos que operamos están a loitar contra a guerra, temos a escaseza de alimentos, protestas... Estamos orgullosos dos nosos compañeiros, que se ocupan dos desafíos que xorden no medio de toda esta axitación. É impresionante ver como os empregados traballan unidos resolvendo todos estes problemas e garantindo que podamos seguir ocupando unha posición destacada na cadea de subministración de alimentos”, valoran.

As fábricas españolas uníronse á xornada festiva que De Heus convocou nas súas instalacións de todo o mundo para conmemorar o fito conseguido e celebrar, desta maneira, a tonelada 10 millóns.