Conta atrás para a III Poxa de Elite de Gando Frisón

O recinto feiral de Curtis, na provincia da Coruña, acollerá os días 16 e 17 deste mes a III Poxa de Elite de Gando Frisón que organiza a empresa EmbrioMarket en colaboración co Concello de Curtis.

Os 18 animais que se porán á venda proceden na súa totalidade de ganderías galegas, o que pon de manifesto a gran calidade da cabana de frisón da nosa comunidade e o enorme esforzo dos nosos gandeiros por mellorar o nivel xenético dos seus rabaños.

O evento, aberto a calquera comprador, resulta de grande interese para gandeiros de toda España e Portugal. Esta terceira edición da poxa será moi equilibrada en canto aos lotes presentados, destacando algúns animais con XICOS superiores a 4.100 puntos ou con 12 xeracións MB/EX no seu pedigree. Varios exemplares levan, ademais, contrato de macho e/ou embrións, o que supón un valor adicional para o comprador.

Á parte do anteriormente descrito, esta poxa conta con outras vantaxes adicionais, como a de que non se aplica ningún tipo de comisión ao comprador nin ao vendedor, a de que o porte ata a gandería de destino é gratuíto ou a de que o comprador obtén coa operación un ciclo de fecundación in vitro sen custo.

Os pedigrees dos animais poden consultarse nesta ligazón https://app.box.com/s/4ub3s56pny838iaspod8r75lgvirla0w ou na páxina @Embriomarket de Facebook.